Monday 25 de November de 2024

Avanzan en Moeche as obras cofinanciadas polo Concello e o Plan de Camiños da AGADER


Xa está en marcha o proxecto de mellora da rede viaria municipal que se vai financiar nunha parte con cargo ao Plan marco de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas 2020-2021, coñecido comunmente como “Plan de camiños da AGADER”. A empresa José No Mantiñán e Hijos resultou adxudicataria duns traballos que comezaron a semana pasada na estrada de San Xiao e no camiño dos Acivros, que conecta Santa Cruz e Cerdido. Neses dous eixos limparanse as cunetas e botarase un novo firme, sumando en conxunto 1,3 quilómetros de trazado. O importe das obras supera por pouco os 40.700 euros e agárdase que estean rematadas ao longo da semana que vén.

A obra asignóuselle á construtora na Xunta de Goberno Local do pasado 29 de xullo, marcando como data límite para efectuala a mesma que poñen como tope as bases do Plan de Camiños, onde se establece que as infraestruturas subvencionadas han de estar finalizadas o 18 de setembro como moi tarde.

No caso de Moeche non vai haber problema para cumprir cos prazos. Os traballos empezaron a semana pasada e avanzan a bo ritmo, polo que o consistorio prevé recepcionar as pistas reparadas o 4 de setembro ou incluso antes se o tempo axuda.

As que se están amañando son dúas. A que cobre maior distancia é a estrada de San Xiao, en Labacengos, de 750 metros de lonxitude. Alí os traballos consisten nunha renovación completa dos sistemas de drenaxe que garantan unha maior duración do firme. A pista leva anos aglomerada, pero o tránsito constante e o efecto da auga nas capas inferiores produciron co paso do tempo numerosas irregularidades e fendas que agora cómpre reparar para maior seguridade e comodidade do tráfico. Unha vez que conclúa a preparación das gabias botarase unha nova capa de aglomerado de 4 centímetros de grosor e 5 metros de larganza media en todo o trazado. A obra finalizará co pintado da sinalización horizontal e a colocación da vertical.

A outra pista incluída no proxecto é a coñecida como Camiño dos Acivros, situada no límite entre Santa Cruz e Cerdido. Son arredor de 600 metros de percorrido onde se fará un rebacheo para logo volver asfaltar. Igual que en San Xiao, aquí tamén é necesario asegurar unha boa drenaxe da auga que discorre polos canos das beiras e, neste sentido, limpáronse as gabias en profundidade e instalouse unha tubaxe de maior capacidade na cota máis baixa da estrada. Cerdido reparou hai relativamente pouco a súa parte da pista, polo que a obra que se desenvolve en Moeche asegurará a continuidade do firme entre os núcelos da Casatellada e o Rego da Madeira, xa no concello veciño.

Dentro do Plan marco de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas 2020-2021, polo tanto, mellorarase o estado xeral e a seguridade de 1,3 quilómetros da rede viaria de Moeche. A Xunta achegará para este proxecto 33.656 € -procedentes nunha parte do FEADER e do Ministerio de Agricultura-, mentres que os algo máis de 7.000 restantes serán asumidos polo Concello con fondos propios.