Saturday 16 de November de 2024

O Concello de Frades prepara un amplo programa cultural para setembro


O día 5 comezan as actividades coas actuacións do Mago Antón

O Concello de Frades deseñou un completo programa de actividades culturais para o mes de setembro. Co obxectivo de ofrecer diferentes opcións de lecer para todas as idades, dende o departamento de Cultura plantexaron un extenso proxecto de iniciativas culturais, especialmente teatrais.
O sábado 5 de setembro ofrecerase a primeira das actividades, Todo o día co Mago Antón, un espectáculo de maxia para todos os públicos. Esta actividade desenvolverase en distintos lugares e en varias sesións, posto que só poden asistir 30 persoas como máximo. Para poder acudir a algunha das actuacións, cómpre inscribirse antes do día 2 de setembro no Concello. As sesións terán lugar ás 11:30 e ás 12:30 horas, en Abellá, no campo de fútbol, mentres que na Praza de Ponte Carreira serán ás 16:00, 17:00, 18:00, 19:00, 20:00 e ás 21:00 horas.
A seguinte fin de semana, o sábado 12 de setembro, ás 20:00 horas en Ponte Carreira terá lugar a actuación Uxia Lambona e a banda molona. Ambos espectáculos están incluídos no programa Cultura no Camiño, promovido por O teu Xacobeo, AGADIC, Consellería de Cultura e Turismo e Xunta de Galicia.
Por outra banda, e dentro do programa FalaRedes da Dirección Xeral de Política Lingüística, programáronse dúas actuacións para os nenos e nenas da vila. Así, a praza de Ponte Carreira acollerá o vindeiro 19 de setembro ás 20:00 horas a actuación Xan Perillán compra queixo, compra pan. O sábado 26 de setembro, no Edificio Multiusos de Frades ás 11:30 horas, o espectáculo Os Bolechas no Camiño de Santiago chegará cos seus títeres para entreter a nenos e nenas da vila.
En todas as actividades, o aforo estará limitado, haberá que manter as distancias, e usar máscara en todo momento, cumprindo con todas as medidas hixiénico-sanitarias de prevención contra a COVID-19. Por este mesmo motivo, as persoas que queiran asistir deben reservar con antelación na Casa do Concello.