Friday 22 de November de 2024

O Concello de San Sadurniño renovará con ledes toda a iluminación pública da zona urbana


O investimento está cifrado en 67.000 euros, financiados con cargo aos fondos do POS Adicional 2019

 

A plataforma de contratación do Estado ten publicados desde hai uns días os pregos técnicos e administrativos da licitación para dotar de nova iluminación led toda a zona do centro urbano de San Sadurniño. O prezo de saída do contrato son algo máis de 67.000 euros -ive incluido- cos que se prevén cambiar as antigas lámpadas por estoutras máis modernas, con maior capacidade lumínica e moito máis aforradoras. No informe elaborado pola FAEPAC estímase que o paso ao led suporá un aforro na factura da luz superior ao 75%, ao que se lle suma unha maior durabilidade e un mantemento practicamente nulo. As empresas do sector que queiran optar ao contrato teñen até as 23.59h do día 14 de setembro para achegar as súas ofertas técnicas e económicas.

O proxecto encádrase nas políticas de aforro enerxético que está levando adiante o Concello de San Sadurniño desde hai varios anos. Un dos eixos de traballo é precisamente a reordenación da rede de iluminación pública unificando subministracións e caixas de control e tamén cambiando puntos de luz de escasa eficiencia por outros baseados na tecnoloxía led.

No caso do centro urbano, este tipo de iluminación pública xa está instalada na praza e no entorno do convento do Rosario e tamén desde Cornide até o Outeiro. Agora o que se vai facer é ampliala a toda a avenida Marqués de Figueroa -incluídas adxacentes-, á zona da Agra de Arriba, o Enxerto, Currás e a nova rúa que comunica o Centro de Saúde co CPI.

Serán un total de 155 puntos de luz entre os que se van reformar e os que se instalarán onde antes non había. E non só iso, senón que o proxecto deseñado pola Fundación Axencia Enerxética Provincial da Coruña -organismo dependente da Deputación- tamén recolle substituír tramos de cableado, redistribuír os cadros de mando, reducir o número de subministracións e modificar os contratos por outros con tarifas máis vantaxosas, posto que o led non precisa tanta potencia para funcionar. O estudo da FAEPAC avanza que a potencia activa instalada pasará de 17,17 a 5,45 kW (case un 70% menos).

Neste momento o consumo anual de todos eses alumeados anda nos 87.800 kWh que, tralo cambio, se verán rebaixados a tan só 20.900 kWh. Estímase que, cos prezos actuais da luz, o Concello pasaría dos 18.446 euros de gasto anual en electricidade a algo menos de 4.400. É dicir, o custe do investimento na obra recuperaríase -teoricamente- en pouco máis de catro anos.

E ese investimento está cuantificado exactamente en 67.000,12 € (55.372,01 euros máis o ive), que é o prezo de saída da licitación aberta hai uns días polo Concello por procedemento aberto simplificado. Unha cantidade que seguramente se vexa reducida polas baixas ofertadas polas empresas. Todas aquelas que queiran optar ao contrato deberán presentar as súas propostas técnicas e económicas, como moi tarde, ás 23.59h do día 14 de setembro. O proxecto financiarase con cargo ao POS Adicional 2019 da Deputación da Coruña.

Unha tecnoloxía con case un século de historia
O led parece un invento novo, pero leva entre nós 58 anos e a súa base científica describiuse hai case un século. En 1962 o enxeñeiro Nick Holonyak foi o primeiro en conseguir un diodo led que emitise luz no espectro visible. Ben é certo que alumaba pouco, pero el mesmo xa avanzou daquela que esta tecnoloxía estaba chamada a acabar coas luces incandescentes de Edison. E non se equivocou, aínda que a cousa tampouco foi tan rápida como el pensaba. Os ledes triunfaron a partir dos anos 70, no arranque da era do transistor e do microchip, como indicadores do funcionamento de distintos aparellos. Pero a verdadeira revolución destes dispositivos como fonte de luz a prezos asequibles e con prestacións suficientes para competir cos sistemas tradicionais é cousa dos últimos dez ou quince anos.

Os ledes son agora máis baratos que nunca, ofrecen maior vida útil -ata 50.000 horas de uso ininterrompido (10 veces o dunha lámpada de vapor de sodio)-, unha capacidade lumínica que é case 12 veces maior que a dunha bombilla incandescente e unha luz branca de maior calidade desde o intre mesmo en que encende, mentres que os alumeados convencionais deben chegar antes a unha temperatura óptima de funcionamento para dar unha luz alaranxada ou verdosa moito máis pobre.

A súa grande baza é o consumo, que permite reducir o gasto enerxético ao mínimo. En comparanza cunha bombilla de toda a vida, un led gasta un 75% menos de corrente dando incluso máis luz. Todo un maná para as administracións públicas que, principalmente a raíz da crise de 2008, apostaron por investir nesta tecnoloxía como maneira de aforrar a curto e medio prazo nas facturas da luz. Iso por un lado e, por outro, tamén o feito de que a normativa ambiental europea leva anos promocionando o seu uso como maneira de contribuír á rebaixa de emisións de gases contaminantes á atmosfera.

Non todo son vantaxes, dado que ao ser equipamentos electrónicos precisan placas miniaturizadas para funcionar que son moi sensibles ás sobretensións e descargas súpetas. Por esta razón os ledes deben levar mecanismos de protección e de subministración moi estables, o que encarece as instalacións. Con todo, sempre acaba compensando: o que se gasta de máis agora acaba recuperándose rapidamente co que se aforra en electricidade e mantemento.