Friday 22 de November de 2024

Medio Ambiente e o concello de Cerceda asinan o convenio de adhesión á Axencia de Protección da Legalidade Urbanística


Con esta sinatura o Concello delega na APLU as súas competencias urbanísticas, que se encargará dos labores de inspección, supervisión, sanción e restablecemento da legalidade urbanística en relación coas obras e usos do solo que se executen sen licenza urbanística ou sen axustarse ás súas condicións

A directora da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística, María Martínez Allegue, e o alcalde de Cerceda, José García Liñares, asinaron o convenio de adhesión que permite a este municipio coruñés delegar na APLU o exercicio das competencias municipais de inspección, supervisión, sanción e restablecemento da legalidade urbanística en relación coas obras e usos do solo que se executen sen licenza ou sen axustarse ás súas condicións.

Estas actuacións terían que estar situadas nalgunhas das seguintes clases de solo: rústico e urbanizable, mentres non sexa aprobado o correspondente plan parcial ou de sectorización, así como no ámbito dos núcleos rurais delimitados.

Para o Concello de Cerceda o presente convenio non comporta ningún gasto e o persoal do Concello poderá acceder a información urbanística, consultas e formación de xeito gratuíto.

A Axencia exercerá estas responsabilidades desde o día seguinte ao da publicación do convenio no Diario Oficial de Galicia (DOG) e considérase que a vixencia do convenio será indefinida. Nesta delegación de competencias non se inclúe a reposición da legalidade nin a potestade sancionadora en relación coas obras completamente rematadas antes da publicación deste convenio, que serán exercidas polo concello.

Para o Concello de Cerceda o presente convenio non comporta gasto algún e o persoal do concello poderá acceder a información urbanística, consultas e formación de xeito gratuíto.

Os ingresos obtidos por multas coercitivas e sancións administrativas impostas en exercicio das competencias delegadas, serán repartidos a partes iguais de modo que o 50% pasará á Administración autonómica e o 50 % restante ás administracións municipais.

Adhesión voluntaria
A Axencia de Protección da Legalidade Urbanística é un ente público de natureza consorcial, dotado de personalidade xurídica, patrimonio e orzamento propios e plena autonomía no cumprimento das súas funcións, para o desenvolvemento en común pola Administración autonómica e os municipios que voluntariamente se integren nela das funcións de inspección, restauración da legalidade e sanción en materia de urbanismo, e o desempeño de cantas outras competencias lle asignan os seus estatutos

A incorporación do municipios realizarase a través do correspondente convenio de adhesión, que deberá obter a previa aprobación do Pleno da Corporación (voto favorable da maioría absoluta do número legal de membros da corporación a teor do artigo 215.3 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración Local de Galicia e do Consello da Xunta de Galicia) e será publicado no Diario Oficial de Galicia.