Friday 22 de November de 2024

Chegan á súa fin as viaxes en veleiro pola ría da Arousa con saída desde A Pobra


Esta mesma fin de semana conclúen as viaxes en veleiro pola ría da Arousa organizadas e cofinanciadas
pola Concellaría do Turismo da Pobra do Caramiñal co obxectivo de presentarlles á veciñanza e visitantes unha maneira alternativa de coñece-lo patrimonio medioambiental, marítimo e paisaxístico costeiro.
A actividade desenvólvese a bordo do Mascato durante as fins de semana de xullo e agosto, polo cal este sábado 29 e domingo 30 constitúen a última oportunidade para gozar desta experiencia.
O traxecto conta cunha duración de hora e media e as saídas establécense en quendas de mañá e de tarde: ás 11.00, 13.00, 17.00 e 19.00 horas. Cómpre sinalar que as excursións transcorren seguindo as medidas de seguridade e protocolo sanitario establecido por mor da COVID-19.
A cabida máxima do veleiro é de 10 persoas, razón pola cal é preciso reserva-la praza e realiza-la compra previa do tícket no punto de información turística. A solicitude de información e a resolución de dúbidas pódese facer a través do teléfono de contacto 671090262 ou do enderezo electrónico turismo@apobra.gal. O prezo estipúlase en 12 euros para as persoas adultas e 8 euros para nenos e nenas menores de 12 anos, ofrecendo desconto ás familias con máis dunha crianza.