O programa comeza o 10 de setembro en horario de 07:45 a 09:00 horas no CPI Plurilingüe Cernadas de Castro
O programa de conciliación familiar “Lousame Concilia” abre mañá, 26 de agosto, o seu prazo de inscrición. As solicitudes deberán presentarse no Rexistro Municipal na Casa do Concello antes do 31 de agosto. Esta iniciativa municipal diríxese a familias con nenos e nenas de entre 3 e 12 anos, e o obxectivo é facilitar a conciliación laboral de pais e nais no día a día. Así, a partir do 10 de setembro, aqueles rapaces e rapazas que obteñan praza neste programa poderán participar nas actividades que se desenvolverán no CPI Plurilingüe Cernadas de Castro entre as 07:45 e as 09:00 horas.
Para presentar as solicitudes deberán cubrirse os Anexos I e II -que se poden descargar na web municipal www.lousame.gal-. O Anexo I constitúe unha declaración xurada de residencia efectiva e acreditada no Concello de Lousame. É preciso tamén presentar unha copia da nómina ou do recibo de autónomos de xullo ou ben un informe laboral actualizado. As familias monoparentais deben presentar tamén o certificado de monoparentalidade emitido polo Xunta de Galicia. E no caso daqueles menores que non asistiran con anterioridade ao servizo Lousame Concilia ou que presenten cambios nos datos bancarios, teñen que cubrir o Anexo II, que inclúe unha domiciliación bancaria asignada e certificación bancaria do número de conta.
Criterios de admisión
Establecerase un sistema de puntos para realizar o proceso de admisión. En primeiro lugar, é imprescindible que o/a menor ou, como mínimo, un dos proxenitores estean empadroados con residencia efectiva e acreditable no Concello de Lousame. Puntuará que os dous proxenitores ou o único proxenitor no caso das familias monoparentais traballen, do mesmo xeito que puntuará non superar os ingresos estipulados no apartado da situación socioeconómica familiar. Se hai empate, aplicarase a orde de inscrición, en función da entrada da solicitud no Rexistro Municipal. As solicitudes que non obteñan praza pasarán a lista de agarda. E aquelas familias que queiran levar aos nenos e nenas en días soltos deben reservar previamente no teléfono 616 345 812.