Os percorridos darán comezo o 1 de setembro e estenderanse ata o 31 de decembro e centraranse no patrimonio relixioso e cultural
O Concello ultima todos os preparativos para a posta en marcha dun novo programa de visitas guiadas de balde. Baixo o nome Boqueixón Sacro, ofrécese ás persoas interesadas un percorrido polo patrimonio relixioso e cultural do municipio.
“Esta proposta vén a complementar a xa posta en marcha, e que está contando con boa aceptación, de visitas guiadas de balde ao Pico Sacro, o Centro de Interpretación e Ponte Ledesma”, indica o alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín. O rexedor salienta que “este tipo de iniciativas buscan dar a
coñecer o amplo patrimonio do noso municipio, non só entre as persoas visitantes, senón tamén entre a propia veciñanza”.
O programa Boqueixón Sacro dará comezo o vindeiro 1 de setembro e estenderase ata o 31 de decembro. Os percorridos correrán a cargo dun técnico de Información Turística do Concello de Boqueixón e serán totalmente gratuítos, previa inscrición a través do teléfono 981 513 061 ou enviando un e- mail a boqueixonturismo@gmail.com .
Para realizar as visitas requírese un grupo mínimo de 5 persoas e establécese un máximo de 10, co fin de garantir todas as medidas de prevención contra a COVID-19. Os/As asistentes deberanse desprazar no seu propio vehículo aos distintos puntos establecidos no itinerario que durará, aproximadamente, hora e media. Os lugares de interese que se darán a coñecer a través de este programa son os seguintes:
Capela de Nosa Señora de Lourdes de Lestedo
Igrexa de Santa María de Lestedo
Igrexa de San Lourenzo da Granxa
Capela de San Sebastián (Pico Sacro)
Igrexa parroquial e cruceiro de Santa María de Lamas
Cruceiro de Rodiño
O punto de encontro será a Igrexa de Santa María de Lestedo. As visitas guiadas desenvolveranse de luns a venres en horario a convenir entre as
persoas interesadas e o propio técnico de Información Turística do Concello de Boqueixón.
Dende o Concello de Boqueixón lembran a importancia desenvolver estas actividades respectando todas as medidas hixiénico-sanitarias de prevención contra a COVID-19. Por iso, será obrigatorio o uso de máscaras en toda a actividade, así como o mantemento da distancia de seguridade interpersoal e a limpeza de mans con hidroxeles.