Os axentes detiveron o pasado domingo a dous veciños por un suposto delito de violencia machista
A Policía Local evitou este sábado a ocupación ilegal de dúas vivendas con varias dotacións que foron requiridas pola veciñanza.
Na primeira das actuacións, que se desenvolveu nun inmoble da avenida da Pasaxe, foron os propios donos os que solicitaron a posta en escena dos axentes na súa casa que foi violentada por unha familia. Segundo lles contaron, os okupas causáronlles distintos danos na propiedade até se instalaren nela coa intención de facela súa. Tamén lles proferiron diferentes ameazas e incluso trataron de os acirraren cun can de raza potencialmente perigosa, xustificando a súa decisión na existencia de menores ao seu cargo. Ante estes indicios e dado o pouco tempo que transcorreu desde a ocupación, a policía entrou pola forza a recriminarlles que retirasen as súas pertenzas e abandonasen o lugar, ademais impediuse o seu retorno. Seguidamente, tramitaron dilixencias penais ao xulgado de garda e mais unha denuncia por infracción á Lei de protección da seguridade cidadá. Estas mesmas persoas foron desaloxadas o pasado día 20 de xullo doutra casa, situada na parroquia de Santa Eulalia de Liáns (Perillo, Oleiros), onde residían desde o principio do verán.
A segunda intervención foi nun piso da rúa Colombia, de propiedade municipal e no que vivía até hai pouco unha muller, que morreu recentemente. Segundo relataron as/os veciñas/os, o mozo okupa entraba e saía por unha fiestra xa que a entrada non tiña sinais de que fora violentada. A policía localizouno nas inmediacións e o okupa recoñeceu a responsabilidade dos feitos que se lle atribuían, pero asegurou que non estragara nin se apropiara de nada. Os axentes non apreciaron signos de violencia nin de ocupación, polo que solicitaron o apoio do servizo de Bombeiros para pecharen e aseguraren a fiestra da vivenda.
VIOLENCIA MACHISTA
Ademais, houbo dúas detencións por supostos delitos de violencia de xénero. O domingo, unha moza de 20 anos pediu auxilio nas dependencias policiais e sinalou que era vítima de malos tratos e que a ameazaran de morte. Logo da súa declaración, as patrullas realizaron unha batida no barrio de Monte Alto até daren coa persoa maltratadora, que seguidamente arrestaron e trasladaron aos calabozos. Na detención, requiríuselle unha navalla que portaba e o DNI da muller.
Na mesma xornada, a policía presentouse nun enderezo da Agra a atender unha muller que sufriu unha suposta agresión do seu marido. Ademais do estado nervioso en que se encontraba a veciña, os axentes apreciaron equimoses nas súas extremidades superiores. Despois de que o seu esposo se presentase e argumentase que discutiran pero que non a agredira, a súa filla corroborou o relato da muller e a policía procedeu a arrestar o varón, que está en dependencias policiais acusado dun delito de violencia machista.