Os alumnos visitaron as instalacións de Sogama, en Cerceda, para coñecer a súa actividade da man do equipo técnico do complexo medioambiental
Un total de 58 policías locais de Galicia remataron o curso de xestión de residuos sólidos urbanos en colaboración con Sogama co obxectivo de concienciar e ensinar aos axentes sobre a problemática dunha elevada xeración de residuos e ofrecerlles coñecementos para o seu correcto reciclado.
Entre outras actividades os alumnos coñeceron o marco de referencia -normativo, xeográfico, industrial, tecnolóxico e humano- no que esta empresa pública desenvolve o seu cometido, dirixido cara a xestión sostible dos residuos mediante a aplicación prioritaria do principio comunitario dos tres erres -redución, reutilización e reciclaxe-, que complementa coa recuperación enerxética da parte non reciclable, converténdoa en electricidade, e isto dende o máximo respecto cara a protección do medio ambiente e a saúde pública.
O curso tivo unha duración de dous meses, e estivo estruturado en dez temas, asociados cada un á correspondente proba de avaliación, tendo como principais obxectivos a toma de conciencia sobre a problemática que, a día de hoxe, representa a elevada produción de refugallos, interiorizando as capacidades necesarias para analizar e valorar as distintas opcións de xestión dos mesmos.
Ademais, outro dos obxectivos eran que os axentes adquirirán os coñecementos necesarios para producir a menor cantidade posible de lixo, para alongar a vida útil dos produtos e para separar convenientemente as distintas fraccións de material de cara a propiciar o seu posterior reciclado; así como a capacidade para influír nunha nova forma de visualizar os desperdicios municipais por parte da cidadanía, levando a cabo unha tarefa educativa que permita poñelos en valor e contribuír ao seu máximo aproveitamento co menor custo posible.
Visita a Sogama
Doutra banda e como remate do curso, os alumnos visitaron esta semana as instalacións de Sogama, en Cerceda para coñecer a súa actividade da man do equipo técnico do complexo medioambiental, onde poideron ver in situ a súa actividade, recibindo as oportunas explicacións a cargo do equipo técnico, e realizando un percorrido guiado polas distintas plantas que conforman esta infraestrutura industrial, cuxo labor se centra na clasificación dos envases lixeiros (colector amarelo) e a parte reciclable contida no lixo en masa (colector xenérico), fundamentalmente aceiro, aluminio, aceiro residual e vidro, destinándoa aos correspondentes centros recicladores. Coa fracción restante, a empresa fabrica un combustible derivado de residuos (CDR) que é valorizado na planta termoeléctrica para producir enerxía eléctrica abondo coa que abastecer 100.000 vivendas.