O Boletín Oficial da Provincia deste luns 24 de agosto publica o anuncio de levantamento de actas previas á ocupación e expropiación dos terreos que se verán afectados polas obras de mellora da seguridade da DP-4901 entre San Ramón e o cruzamento coa estrada das Somozas. Desta maneira, as persoas titulares están citadas para a tarde do xoves 10 de setembro na Nave do Mercado coa finalidade de efectuar este trámite, no que se deixa constancia, entre outras cousas, das superficies, o valor proposto pola administración e os prexuízos que poida ocasionar a urxente ocupación. O proxecto das obras -que non recibiu ningunha alegación no tempo de exposición pública- cuantifica en 265.558,77 euros o investimento provincial, dos que 12.415,20 euros se destinarán ás expropiacións parciais dun total de 24 fincas.
Os traballos que se van levar a cabo en Moeche arrancarán xusto onde rematan as beirarrúas do núcleo de San Ramón, a escasos metros de Pensos Pazo, e desde alí proseguirán ata o “stop” da outra vía provincial, a DP 4904, que une Balocos coas Somozas.
Botarase un novo firme aglomerado e, ademais, tamén se ancheará o tramo, que pasará de 4,2 a 6 metros. O plan técnico inclúe a construción dunha senda peonil pola marxe esquerda que prolongue as beirarrúas existentes. A senda levará canalizacións de pluviais e os correspondentes rexistros para evacuar a auga da estrada, xunto coas tubaxes para a ampliación da iluminación pública.
O proxecto deseñouno o Concello e logo trasladoullo á Deputación coa intención de que se fixese cargo do investimento, coas miras postas en que toda a estrada poida pasar no futuro a mans municipais. O documento técnico superou sen alegacións a fase de exposición pública e agora o seguinte paso é levantar as actas de expropiación de todas as porcións de terreo que se verán tocadas tanto pola construción da nova senda como pola maior larganza da estrada. Na relación de leiras publicada no BOP figuran un total de 24 propiedades con superficies afectadas que van desde os 10 até os 743 metros cadrados.
A Deputación fixou o acto para a tarde do xoves 10 de setembro, citando en tres quendas ás persoas ou entidades titulares, que poderán acudir en persoa ou ben mediante representante coa debida autorización para actuar no seu nome. En calquera caso deberán achegar documentación acreditativa da titulariedade, o DNI -ou tarxeta do NIF- e o último recibo do IBI. Ademais tamén poderán achegarse na compaña de asistencia pericial ou notarial, se o estiman oportuno.
O levantamento das actas efectuarase na Nave do Mercado de 16.30h a 17.00h., de 17.00 a 17.30h. e de 17.30 a 18.00h., seguindo a orde das citas que aparece reflectida no listado publicado hoxe no BOP. Por outra banda, cabe recordar que desde este martes 25 estará aberto o prazo de 15 días naturais para presentar alegacións ante os posibles erros que poida conter a relación de bens afectados pola urxente ocupación.