Saturday 16 de November de 2024

Gran acollida no primeiro mes do programa de visitas xeolóxicas guiadas ao Pico Sacro


Preto de cen persoas participaron nas distintas sesións, que continuarán todos os domingos de setembro

O programa de visitas guiadas xeolóxicas  ao Pico Sacro vén de completar o seu primeiro mes de actividades cunha gran acollida por parte do público. Preto de cen persoas participaron nas distintas
sesións desenvolvidas todos os domingos pola empresa Geotur Galicia en colaboración co Concello de Boqueixón, e que se centran na riqueza e importancia xeolóxica deste enclave.
Segundo explica o guía encargado destes percorridos, Joaquín Rubal, “á xente impáctalle a amplitude visual dende o cumio do Pico Sacro, especialmente en días solleiros –como o de onte-”. As persoas asistentes “sorpréndense moito coa gran importancia xeolóxica deste lugar”, xa que o aspecto máis coñecido é o paisaxístico, “polo que non imaxinan a súa complexa xeoloxía”.
Neste senso, os espazos nos que se poden amosar mellor estes detalles son as propias covas. “Durante o percorrido, visitamos as tres entradas. Unha delas, é unha pequena fenda que se atopa no alxibe do castelo no cumio do Pico Sacro”, indica Rubal. Un dos intres que causa maior expectación, segundo concreta o guía turístico, é o da parada “na boca superior, que se ilumina cunha potente luz, de xeito que se poden ver uns 10 metros do inicio da cova en sentido ascendente, antes de caer en picado. As persoas asistentes sorpréndense moito porque nunca viran a cova deste xeito”.
Os percorridos xeolóxicos guiados ao Pico Sacro tamén inclúen paradas noutros puntos como a pía en cuarzo que a tradición identifica coa pegada do cabalo do Apóstolo Santiago, así como da rúa da Raíña Lupa. Todo isto complementado coas impresionantes vistas da bisbarra compostelá.
O programa de visitas xeolóxicas guiadas continuará todos os domingos do mes de setembro. O custo é de 10 euros/persoa, sendo de balde para menores de 12 anos. O prezo inclúe Guía Oficial de Turismo de Galicia e Seguro de Responsabilidade Civil. As prazas son moi limitadas e deberán realizarse as
reservas previa inscrición a través do enderezo electrónico geoturgalicia@gmail.com ou no teléfono 675 820 520.
Dende o Concello de Boqueixón lembran a importancia desenvolver estas actividades respectando todas as medidas hixiénico-sanitarias de prevención contra a COVID-19. Por iso, será obrigatorio o uso de máscaras en toda a actividade, así como o mantemento da distancia de seguridade interpersoal e terán á súa disposición xeles hidroalcohólicos. Ademais, a propia empresa conta coa acreditación do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo e da Xunta na aplicación dos protocolos frente a COVID-19.