Friday 22 de November de 2024

A directora de Turismo de Galicia ofrece en Málaga unha conferencia sobre o Camiño de Santiago no marco do ciclo ‘Inverno Xacobeo’


Baixo o título “Desarrollo turístico-sostenible del Primer Itinerario Cultural Europeo” versou sobre aqueles aspectos máis significativos da peregrinación xacobea e o traballo de Turismo de Galicia para a súa revitalización, conservación e dinamización

A directora de Turismo de Galicia ofreceu en Málaga unha conferencia enmarcada nos actos de inauguración do programa Inverno Xacobeo que se celebra no Ateneo da cidade andaluza e que conta coa colaboración do Ateneo de Málaga e da Asociación de Amigos do Camiño de Málaga.

A conferencia, titulada “Desarrollo turístico-sostenible del Primer Itinerario Cultural Europeo”, versou sobre aqueles aspectos máis significativos da peregrinación xacobea e o traballo de Turismo de Galicia para a súa revitalización, conservación e dinamización.

Deste xeito, Nava Castro destacou entre outras iniciativas levadas a cabo por Turismo de Galicia a labor constante no mantemento, sinalización e acondicionamento dos tramos do Camiño, a xestión e acondicionamento da Rede Pública de Albergues, as accións de promoción e comunicación para a difusión do Camiño, a creación do Centro Internacional de Acollida aos Peregrinos en Compostela.

Así mesmo, destacou o desenvolvemento do Plan Director do Camiño de Santiago do que afirmou “contribuirá á mellora do Camiño ao longo de todas as rutas, adaptando medidas específicas para cada unha delas e definindo directrices que contribúan á mellora de aspectos ambientais, á xestión de fluxos, á mellora dos trazados, da sinalización e dos servizos turísticos entre outros cometidos.

A directora de Turismo de Galicia aproveitou tamén para agradecer unha vez máis o labor altruísta realizado polos membros das Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago que se estenden arredor de todo o mundo aos que referiuse como “os grandes embaixadores do Camiño”. “Vostedes fan posible que a súa promoción non entenda de fronteiras e que en cada canto do noso planeta se coñeza o Camiño de Santiago”, afirmou Nava Castro.

Neste senso, recordou a celebración do Primeiro Cumio Mundial de Asociacións de Amigos do Camiño que terá lugar en Santiago de Compostela no mes de xuño no marco do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago de Compostela. “Este encontro converterase nun evento histórico xa que será a primeira vez que Galicia reúna aos integrantes das asociacións repartidas por todo o planeta”, sinalou a directora galega de Turismo.

Exposición audiovisual ‘Memoria de Peregrinación’
Dentro deste programa, a directora de Turismo de Galicia tamén inaugurou hoxe a exposición audiovisual ‘Memoria de Peregrinación’ que poderá visitarse no Ateneo de Málaga ata o vindeiro 30 de xaneiro.

Unha exposición froito da viaxe do fotógrafo Manuel Valcárcel e do músico Alexandro González, ambos os dous galegos, a través dunhas rutas xacobeas de dilatada historia e tradición. “Trátase dunha viaxe contemporánea realizada co propósito de somerxerse na intimidade duns lugares históricos que forman parte substancial da memoria cultural de toda a Humanidade”, explicou Nava Castro durante a súa inauguración.

Así, a mostra reflicte unha particular peregrinación a través de Hungría, Austria, a República Checa, Eslovenia, Italia, o norte de España e a Galicia xacobea na que ambos os dous artistas se mostran atentos á tradición cultural e á sensibilidade relixiosa que impregnan os lugares e os camiños así como a vida dos pobos e cidades próximas aos itinerarios de peregrinación.

“Unha exposición que mostra a pluralidade e riqueza dunha Europa vertebrada polos itinerarios a Santiago de Compostela e que, sen dúbida, non deixará indiferente a ninguén”, afirmou Nava Castro.

A mostra puido verse xa en diversas cidades de Europa -Sofía, Bucarest, Zagreb, Santiago de Compostela, Francia, Australia, Nova Zelanda, Alemaña, República Checa e Singapur- e en varias cidades españolas -León, Burgos e Palencia-.