Asegura que a innovación seguirá a ser un dos tres grandes eixos da política económica do Executivo galego, xunto co pulo industrial, recollido na Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0, e a busca de novos mercados, promovida a través da Estratexia de Internacionalización
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, reafirmou hoxe a aposta da Xunta pola innovación, “unha aposta de país”, dixo, para unha Galicia ambiciosa que non se conforma e quere crecer.
Durante unha visita ao viveiro de empresas do Centro de Negocios do Parque Empresarial Porto do Molle, onde clausurou a “Demo Day” da segunda edición de “ViaVigo”, Feijóo afirmou que a innovación seguirá a ser un dos tres grandes eixos da política económica do Executivo galego, xunto co pulo industrial, recollido na Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0, e a busca de novos mercados, promovida a través da Estratexia de Internacionalización.
“A innovación non é un gasto é un investimento”, aseverou, e lembrou que este é o principio que puxo en marcha a Estratexia de especialización intelixente de Galicia (RIS3), coa que se recollen as prioridades da innovación galega de aquí a 2020 e que permitirá á Comunidade mobilizar 1.600 millóns de euros en investimentos innovadores.
Nesta liña, salientou que a Xunta apoiará con ata 75.000 euros a cada un dos proxectos seleccionados dentro da iniciativa “ViaVigo”, “porque cremos que proxectos como estes hai que apoialos con financiamento a fondo perdido e tamén a través de créditos”, explicou.
Conscientes de que as necesidades dos emprendedores non se reducen a unha cuestión financeira, o responsable do Goberno galego destacou a importancia de ofrecer tamén asesoramento acompañándoos coa Unidade Galicia Emprende que xa leva aconsellado a máis de 250 proxectos.
Así mesmo, referiuse ao compromiso da Xunta coa formación, a través de programas para estimular o espírito emprendedor e nos que levan participado máis de 5.000 alumnos.
O presidente do Goberno galego destacou o traballo da Zona Franca de Vigo para desenvolver iniciativas como “ViaVigo”, na que tamén participa a Xunta, e avanzou o obxectivo de estender esta iniciativa a Lugo e Ourense, “para que tamén teñan o seu propio proxecto de aceleradora de empresas”. Non en van, resaltou que no Concello de Vigo creáronse 736 novas empresas en 2014, un 13,6% máis que en 2013; e, no conxunto da comarca, o incremento foi de case un 11%.
O titular da Xunta concluíu a súa intervención destacando o talento dos participantes, un talento que, segundo aseverou, non se pode desaproveitar, e que hai que seguir formando para poñer ao servizo da sociedade.