O persoal de Augas de Galicia localizou este foco de contaminación nas filtracións de augas residuais urbanas cara un colector de desaloxo de augas pluviais
A Xunta vén de eliminar un punto de vertido de augas residuais ao río Maior, no Concello de Sada.
O persoal do Plan de Control de Vertidos, de Augas de Galicia, localizou este foco de contaminación nas filtracións de augas residuais urbanas cara un colector de desaloxo de augas pluviais.
Unha vez que os técnicos realizaron varias revisións de seguimento do punto, identificaron restos de augas residuais nun dos colectores de evacuación de augas pluviais.
A Xunta trasladoulle ao Concello de Sada esta situación e solicitoulle a adopción das medidas necesarias para resolvela.
Os técnicos do Plan de Control de Vertidos levaron a cabo unha nova inspección, constatando a emenda do foco contaminante tras a actuación levada a cabo.