Friday 22 de November de 2024

O Concello de Moeche coordina co equipo directivo as medidas de limpeza para o vindeiro curso no CEIP San Ramón


Dúas representantes do equipo directivo do CEIP San Ramón e maila alcaldesa de Moeche, Beatriz Bascoy, mantiveron esta mañá unha xuntanza virtual para coordinar como se van aplicar as medidas preventivas da COVID-19 en canto á limpeza e desinfección do centro. Un labor do que, en principio, se ten que encargar o Concello, tal e como vén recollido no protocolo en vigor deseñado pola Consellaría de Educación. Segundo a rexedora o protocolo “trasládanos aos concellos máis responsabilidades e competencias sen axudarnos de ningunha maneira para poder cumprir con elas”. Neste sentido, o Concello -quen xa se encarga da limpeza e labores de mantemento da escola- deberá asumir segundo o protocolo da Xunta tres desinfeccións diarias durante o horario lectivo. No encontro telemático a alcaldesa indicou que o persoal municipal colaborará como ata agora no control da entrada e saída da rapazada para facela de maneira máis segura. Ademais tamén informou ao centro da decisión de suspender as actividades extraescolares, polo menos ata o mes de xaneiro. Tanto estas como outras cuestións tratadas seranlle comunicadas agora á ANPA e a todas as nais e pais do alumnado, a quen se lles trasladará tamén o resultado da reunión de onte coa Unidade Técnica da Xefatura territorial da Consellaría de Educación, que se saldou sen ningún tipo de compromiso firme por parte da Xunta ao respecto das melloras solicitadas para o colexio.

No referido á limpeza e desinfección das instalacións (á espera da resposta da Consellería de Educación ás demandas da FEGAMP neste asunto) o Concello está organizando os labores que recolle o protocolo marco da Xunta, que logo cada centro debe adaptar ás súas necesidades concretas. Así, a alcaldesa e mailo equipo docente que se encarga dese protocolo decidiron que as tres desinfeccións obrigatorias que cumprirá facer cada día durante o horario lectivo se leven a cabo xusto trala entrada da cativería, durante o recreo e, a terceira, antes de que saia da última clase da xornada.

Nesas intervencións repasaranse varandas, aseos, manillas de portas, perchas, billas, pulsadores de cisternas e outros puntos, incluídos os espazos comúns e para o profesorado. Deste traballo encargarase a empresa contratada polo Concello para a limpeza das instalacións municipais, que tiña estipuladas tres horas diarias de dedicación ao centro de ensino durante as tardes. Agora terán que facer máis traballo, o que suporá un incremento de custes para o consistorio que, en principio, a Xunta non vai asumir nin compensar de ningún xeito. “O protocolo incrementa as cargas de limpeza dos concellos máis aló do que sería unha competencia municipal. A Consellaría de Educación non achega nin un euro para financiar este sobrecusto. A Xunta é a autoridade competente para facerse cargo das novas tarefas, ela ten as responsabilidades en materia de educación e de sanidade. E se non quere facerse cargo desas responsabilidades, que polo menos nos transfira os fondos necesarios para asumilas”, denuncia Beatriz Bascoy mentres engade que “por responsabilidade coas familias e o alumnado” o Concello procurará cubrir as esixencias hixiénicas “cos recursos que temos”.

Ademais de reforzar a hixiene no interior do colexio, o Concello tamén se fará cargo da desinfección dos xogos exteriores todos os días -agás os de choiva- antes da entrada do alumnado. Outro dos asuntos que se trataron na reunión coa dirección do centro foi o da organización da entrada das nenas e nenos, que ha de facerse de maneira escalonada e por grupos de idade. Neste sentido, o Concello establecerá a coordinación co persoal municipal que habitualmente colabora na entrada e saída do alumnado e así botarlle unha man ao profesorado, especialmente coas unidades de menor idade.

Actividades extraescolares suspendidas temporalmente
Canda ao protocolo de hixiene específico para a xornada lectiva, a Xunta tamén esixe que se adopten medidas preventivas nas actividades extraescolares que se desenvolvan no centro educativo, sexan organizadas pola ANPA e ou polos municipios. Todos os aspectos deben ir recollidos como anexo ao protocolo xeral do centro, determinando as accións de prevención e protección fronte á COVID-19. No encontro mantido esta maña a alcaldesa trasladoulle ao equipo directivo a decisión de suspender as actividades fóra do horario lectivo “polo menos ata o mes de xaneiro, en espera de ver cal é a evolución da situación sanitaria”, explica Beatriz Bascoy.

Esta e outra información máis detallada comunicaránselle tanto á ANPA do CEIP San Ramón como a todas as nais e pais, a quen tamén se lle fará chegar o contido do protocolo deseñado para o colexio naqueles aspectos que afecten ao labor do Concello.

A Xunta tampouco compromete novos investimentos
A reunión de coordinación sobre o protocolo da COVID-19 produciuse tan só un día despois de que, por petición do Concello, se achegasen a Moeche representantes da Unidade Técnica da Xefatura territorial da Consellaría de Educación para falaren sobre as demandas de melloras nas instalacións que se veñen solicitando desde hai tempo. Entre elas estaría a renovación da fontanaría e dos radiadores, a instalación de paneis que resgarden dos temporais a entrada á escola -co que tamén se aforraría en calefacción-, o cambio das fiestras e incluso a substitución da cuberta. “Son demandas que veñen de vello e que, polo que nos dixeron onte, a Xunta non ten previsto facer nin a curto nin a medio prazo, nin as máis urxentes como a substitución de parte da fontanaria ou o peche no acceso ao centro”, comenta a alcaldesa.

Segundo Beatriz Bascoy, a consellaría si se tería comprometido a subsanar as fendas que apareceron hai escasos días nas columnas dos ventanais do comedor aínda que, segundo asegurou, “debemos agardar a que nos informen dos prazos para saber se a obra se fai antes do comezo do curso”