As inscricións poden formalizarse no centro cultural de Sigüeiro ata o 13 de febreiro ou o mesmo día do concurso no polideportivo
O Concello de Oroso vén de convocar o seu tradicional concurso de disfraces de Entroido, que terá lugar no polideportivo municipal de Sigüeiro na tarde do sábado 14 de febreiro. As inscricións poden formalizarse dende hoxe mesmo no centro cultural de Sigüeiro ou no teléfono 981 690 803 (de luns a venres, de 9:00 a 14:00 horas) antes do venres 13 de febreiro. Como en anos anteriores tamén se admitirán anotacións o mesmo día do concurso, neste caso no polideportivo en horario de 16:30 a 17:30 horas.
Para poder participar no concurso será obrigatorio tomar parte nun desfile de Entroido que percorrerá as rúas de Sigüeiro ás 18:00 horas ( salvo que as condicións meteorolóxicas o impidan). Unha vez rematado o desfile, o polideportivo acollerá o concurso de disfraces, que repartirá 3.170 euros en premios.
Como en anos anteriores, o Concello de Oroso estableceu dúas categorías: infantil (ata 16 anos) e adultos (máis de 16 anos), con tres modalidades diferentes: individual, grupo (de 2 a 5 compoñentes) e comparsa, nas que se designarán un gañador e un finalista. Deste xeito, na categoría adultos, as comparsas (mínimo 6 compoñentes) optarán a dous premios de 500 e 300 euros. Os grupos repartiranse dous premios de 350 e 220 euros; mentres que na modalidade individual competirán por dous premios de 250 e 180 euros. Na categoría infantil, os premios para as comparsas serán de 350 e 200 euros; os grupos competirán por 220 e 150 euros; mentres que os individuais optarán a 180 e 120 euros. Así mesmo, haberá un premio especial de 150 euros para a mellor comparsa do concello de Oroso.