Saturday 16 de November de 2024

O Concello realizará rutas de sendeirismo por todas as parroquias


A actividade, bautizada como ‘En marcha por Camariñas, terá lugar do 25 ao 28 de agosto.

O Concello de Camariñas, no seu afán de seguir ofertando actividades deportivas, levará a cabo a próxima semana o programa ‘En marcha por Camariñas’, unha actividade a través da que se realizarán rutas de sendeirismo polas parroquias de Camelle, Camariñas, Ponte do Porto e Xaviña.
Está dirixida a persoas nadas entre os anos 1961 e 2021, ambos incluídos, e o número máximo de participantes é de 20 persoas por marcha. Levaranse a cabo percorridos de entre 10 a 15 quilómetros en horario de mañá, con saída ás 10:30 horas.
O martes 25 de agosto terá lugar en Camelle, o mércores 26 de agosto en Camariñas, o xoves 27 de agosto na Ponte do Porto e o venres 28 de agosto en Xaviña. Os lugares de reunión para a saída serán a Pista
Polideportiva de Camelle, o Pavillón Polideportivo Víctor Vigo de Camariñas, o Pavillón Polideportivo de Ponte do Porto e a Pista Polideportiva de Xaviña, respectivamente.
O día límite para anotarse a todas as andainas é o próximo lunes, 24 de agosto, ás 14 horas. Os interesados ou interesadas poden formalizar a súa inscrición na páxina web municipal www.camarinas.net.
Protocolo COVID-19
No comezo, durante e despois das marchas seguirase un completo protocolo para manter as medidas de hixiene e prevención recomendadas polas autoridades sanitarias para facer fronte á expansión da COVID-19.
Así, evitarase o amoreamento das persoas participantes ao inicio e remate da marcha, será obrigatorio manter a distancia interpersoal de seguridade durante o percorrido, tomarase a temperatura previa ao inicio da marcha e se é de 37º ou superior non se permitirá a participación, será obrigatorio facer a marcha con máscara, está totalmente prohibido compartir comida e bebida e tamén fumar, todas as persoas deberán levar unha bolsa propia para os refugallos e as zonas de avituallamento escollidas serán amplas.