Friday 22 de November de 2024

O Concello de Ordes procede co arranxo e mellora da rúa Parque Municipal


O orzamento da obra ascende a algo máis de 50.500 euros para o cambio de beirarrúas, a aplicación dunha nova capa de rodaxe de vehículos e a instalación dunha marquesiña acristalada para a parada de taxis

Nestes días o Concello de Ordes está a realizar as obras de mellora da rúa Parque, no seu casco urbano. Un proxecto incluído no Plan DTC 93 da Deputación da Coruña e que está orzamentado en pouco máis de 50.500 euros.
Prevese así a reposición de 40 metros lineais de beirarrúas con bordo de granito e baldosa de formigón, tras a demolición previa da existente na actualidade. Tamén se verá mellorada a capa de rodaxe mediante a aplicación de conglomerado. Será ao longo de tres treitos cunha lonxitude aproximada de 100 metros. Previa a esta execución contémplase a canalización de pouco máis de 65 metros de tubaxe cos correspondentes pozos e sumidoiros para a recollida de pluviais. Tamén se levará a cabo a instalación dunha marquesiña con reposición da cimentación, estrutura e acristalamento destinada ao servizo de taxis.
Segundo estimacións da empresa que está a executar a obra esta estará finalizada ao longo do vindeiro mes de febreiro, sempre e cando as condicións meteorolóxicas sexan favorables.