Esta fin de semana terá lugar nas inmediacións do peirao comercial a XV Bandeira Concello da Pobra -a cal consta de dúas regatas puntuables para a Liga Galega de Traiñeiras B-, así como a Regata da Liga Feminina. Estes eventos deportivos foron presentados esta mañá por parte do alcalde Xosé Lois Piñeiro; a concelleira dos Deportes, Genoveva Hermo; a técnica desta mesma área, Ana Romero; o presidente do Club de Remo Puebla, Antonio do Carmo; e o remeiro e directivo do club, Adrián González.
A bandeira disputarase nas xornadas do sábado 22, cando comezará a primeira quenda ás 18.00 horas, e domingo 23, coa primeira quenda programada para as 12.00 horas. A suma dos tempos de ámbolos días determinará a clasificación final tanto para quen gañe a bandeira coma para a repartición dos premios. A primeira xornada transcorrerá en formato de regata en liña de dúas quendas, a seis longos e tres rúas. A segunda xornada será en formato de tres quendas lanzadas cunha diferenza de dous minutos entre si, nun formato de seis longos e dúas rúas. Este último formato tómase en consideración para que a baixamar esperada a esa hora non prexudique ningún equipo.
O premio consiste no repartimento de 6000 euros en función do estipulado pola normativa da Liga Galega de Traiñeiras (LGT) segundo a clasificación final resultante do cómputo total das dúas xornadas, e a bandeira ao equipo gañador.
O Club de Remo Puebla, tal e como manifestou a súa representación, agarda acadar un bo posto tras un ano de transición durante o cal traballaron duro, inclusive no confinamento desde as súas casas. De feito, neste verán gañaron en tódalas regatas en que participaron, exceptuando unha. Agora teñen as
esperanzas postas en que a bandeira quede na Pobra.
No que respecta á Regata da Liga Feminina, o formato será de tres quendas lanzadas cunha diferenza de dous minutos entre si, nun formato de seis longos e dúas rúas. A primeira quenda ten prevista a saída para as 11.30 horas. Realizarase desta maneira pola baixamar.
Ámbalas citas realizaranse baixo a normativa da LGT e, no que esta non considere, nas regras de banco fixo da Federación Española de Remo.
Tódalas probas vanse desenvolver seguindo as medidas de seguridade e protocolo sanitario establecido por mor da COVID-19, contando coa colaboración da Protección Civil. Ademais, o público poderá acceder ao peirao comercial para desfrutar do espectáculo desde os seus vehículos.