Friday 22 de November de 2024

A Xunta concede axudas por 80.000€ na comarca da Coruña para realizar 8 accións de mellora paisaxística no camiño


As subvencións enmárcanse no Plan de Embelecemento, un dos piares do eixo Soporte do Plan Estratéxico do Xacobeo 2021
A Xunta concede axudas por preto de 80.000€ a 4 concellos e 4 particulares para acometer accións de mellora paisaxística ao longo do Camiño de Santiago. Esta liña de subvencións enmárcase no Plan de Embelecemento da Ruta Xacobea dotada cun total de preto de 1,2 millóns de euros. En virtude da mesma, o Goberno galego financiará o 75% das intervencións propostas polos beneficiarios, entre as que figuran actuacións en elementos que xeren un impacto visual nos distintos itinerarios ou a restauración de bens do patrimonio etnográfico galego.
As axudas están divididas en dúas categorías en función do solicitante. No caso da primeira delas, dirixida ás entidades locais, o Goberno galego achegará preto de 50.000€ para financiar actuacións en 4 concellos polos que discorre algún tramo do Camiño. No que atinxe á segunda liña, destinada a persoas físicas e xurídicas titulares dalgún elemento situado na Ruta Xacobea, a Xunta achegará preto de 35.000€ para financiar accións propostas por 4 particulares.
Xunto con esta liña de axudas, o Plan de embelecemento da Xunta inclúe un proxecto piloto realizado en colaboración coa Fundación Juana de Vega e que permitiu analizar e propoñer solucións de mellora paisaxística para 45 puntos situados na Ruta Xacobea. Esta iniciativa, que contou co asesoramento da Escola Galega da Paisaxe incluíu a elaboración dun manual de boas prácticas neste eido que servirá como referencia nas actuacións financiadas ao abeiro desta liña de axudas.
Cinco ámbitos de actuación
En concreto, as subvencións incluídas neste plan enmárcanse en cinco ámbitos de actuación. O primeiro deles céntrase en a intervencións sobre elementos etnográficos e a súa contorna e inclúe accións de valorización, mantemento, consolidación ou restauración de fontes, lavadoiros, hórreos, pontes, muíños, valados ou calquera outro elemento de carácter tradicional vinculado á paisaxe e a cultura do lugar.
O segundo contempla actuacións sobre casas e eiras, como melloras nas fachadas e nas cubertas empregando materiais propios da zona; mentres que a terceira liña abrangue intervencións no espazo agrario co fin de reducir o impacto visual que xeran elementos en desuso ou abandonados sen interese patrimonial ou paisaxístico como naves, silos ou casetas. As axudas do Plan de Embelecemento do Camiño de Santiago complétanse con actuacións para incorporar a vexetación como elemento integrador da paisaxe ou actuacións nos trazados do Camiño co fin de substituír elementos do mobiliario urbano que polo seu estado de deterioro ou as súas características físicas resulten alleas á contorna da Ruta
Xacobea.

Accións de mellora nos trazados
Entre os obxectivos do Goberno galego a través desta iniciativa destacan os de ofrecer a mellor versión de Galicia aos visitantes e contribuír a unha Galicia máis verde e próspera, favorecendo a protección e posta en valor dos distintos Camiños, aumentando a concienciación e sensibilidade sobre a Ruta Xacobea e fomentando a colaboración cidadá xunto coas administracións públicas neste eido.
Esta liña de axudas compleméntase coas diferentes actuacións impulsadas pola Xunta na antesala do Xacobeo 2021. Entre esas accións, e co obxectivo de que os distintos trazados cheguen a esta cita no mellor estado posible, puxéronse en marcha accións de mantemento e sinalización incluídas no eixo Soporte do Plan Estratéxico do Xacobeo 2021, que ten por obxectivo a mellora das infraestruturas dos Camiños de Santiago coa ollada posta no vindeiro Ano Santo.