Os dereitos e liberdades nacionais do pobo galego foron recoñecidos xurídica e politicamente no marco da II República, coa ampla maioría social que permitiu plebiscitar en referendo o Estatuto de Autonomía Galego o 28 de xuño de 1936.
Poucas semanas máis tarde produciuse a sublevación violenta dun segmento das forzas armadas do Estado Español, instigada e apoiada pos sectores reaccionarios e organizacións políticas paramilitares de ideoloxía fascista, contra do réxime da II República e do seu lexítimo goberno, saído das eleccións democráticas que tiveron lugar en febreiro de 1936, gañadas polo Frente Popular.
Logo desta sublevación antidemocrática, milleiros de persoas foron asasinadas sen xuízo previo ou executadas por sentenzas de tribunais títeres das forzas sublevadas. Outras formaron parte da resistencia armada na guerrilla antifranquista, outras persoas foron para o exilio onde seguiron loitando polo restablecemento das liberdades individuais e colectivas do pobo galego e pola reconstrución dun réxime democrático en Galicia e no Estado Español.
Foi exilio galego en Buenos Aires quen en 1942, a iniciativa da Irmandade Galega, quen instaurou o17 de agosto como “Día da Galiza Mártir”, coincidindo coa data de fusilamento de Alexandre Bóveda no monte da Caeira, como data na que homenaxear a todas as persoas represaliadas polo franquismo.
Dende o 1979, as corporacións municipais democráticas do Concello de Fene vimos desenvolvendo políticas públicas dirixidas ao coñecemento da nosa historia e ao fortalecemento dos valores democráticos, para proporcionar verdade, xustiza e reparación de todas as vítimas da represión e ás súas familias.
O noso público recoñecemento ás corporacións da II República, ao alcalde Ramón José Souto González e ás máis de 70 persoas de Fene fusiladas ou paseadas nos días posteriores ao 18 de xullo de 1916, traducíronse no monumento “Á memoria”, no Paseo Marítimo de San Valentín ou na instalación “En movemento” que preside o salón de plenos da Casa do Concello; en ciclos como “Non des ao esquecemento”; no acordo plenario do 23.12.2006 polo que se revocaron os acordos das corporacións franquistas de Fene co obxectivo de difamar e condenar socialmente aos concelleiros e alcaldes das corporacións republicanas, así como nas homenaxes que na semana do 16 de agosto rendémoslle á Ramón José Souto González na praza que leva o eu nome.
Neste ano 2020, os datos da evolución da pandemia provocada pola COVID-19 e as previsións meteorolóxicas para esta semana desaconsellaron que programaramos ningún acto público de homenaxe. Non obstante, non queremos deixar pasar estas datas sen convidar á veciñanza a honrar connosco a memoria dos mártires a través dunha visita virtual á obra de Castelao quen inmortalizou simbolicamente no seu álbum “Galicia Mártir” a todas as vítimas da represión fascista en Galicia; da lectura da acta da sesión plenaria de homenaxe ás corporacións da II República cun anaco do concerto que o prestixioso Grupo de Metales Santa Cecilia deu na sala de sesións da Casa do Concello no citado pleno extraordinario.