A ordense Isabel Zendal Gómez foi un dos piares da Expedición Filantrópica contra a viruela que entre 1803 e 1814 distribuíu polo mundo a primeira vacina da historia contra esta enfermidade
O PSOE de Ordes proporá o nomeamento como filla predilecta do Concello de Ordes a título póstumo de Isabel Zendal Gómez, veciña da parroquia de Parada e que foi un dos piares da expedición filantrópica contra a viruela que entre 1803 e 1814 distribuíu polo mundo a primeira vacina da historia contra esta enfermidade. Unha proposta que os socialistas levarán á sesión plenaria deste mes de xaneiro para “dar inicio ao expediente correspondente para homenaxear como se merece a esta veciña da Grela, que foi a única muller que participou na Expedición Filantrópica do doutor Balmis para distribuír de xeito gratuíto a primeira vacina contra a viruela por todo o mundo e que está considerada como a primeira enfermeira da historia da saúde pública en México”, explica o voceiro municipal socialista Xesús Pedreira.
Isabel Zendal Gómez (Parada 1773) era a rectora da Casa de Expósitos da Coruña e o 30 de novembro de 1803 partiu coa Expedición Filantrópica do doutor Francisco Xavier Balmis para facerse cargo dos 22 nenos galegos que trasladaron nos seus brazos a vacina da viruela a América, así como dos 26 nenos que viaxaron posteriormente dende México a Filipinas. Xesús Pedreira considera que “no caso de Isabel Zendal concorren de sobra todos os requisitos esixidos no Regulamento de Honras e Distincións do Concello de Ordes para que se lle outorgue o título de filla predilecta a título póstumo”.
Homenaxes
Asemade, o voceiro municipal socialista solicitará que se complemente esta homenaxe con dous actos máis: coa instalación dun monolito conmemorativo no parque infantil Félix Rodríguez de la Fuente (Ordes) e cunha placa conmemorativa na localidade da Grela (Parada), de onde era orixinaria Isabel Zendal. “Pensamos que o seu nome ten que estar presente no parque Félix Rodríguez de la Fuente pola súa estreita vinculación cos nenos, primeiro na Casa de Expósitos da Coruña e despois durante eses dez anos que durou a Expedición Filantrópica”, explica Xesús Pedreira, quen lembra que “na Grela aínda hai unha vivenda que se coñece como a Casa de Xacobe, como se chamaba o seu pai”.
Pedreira Mirás considera de xustiza que o Concello de Ordes recoñeza o labor dunha figura da talla de Isabel Zendal quen, paradoxicamente, ten recibido máis recoñecementos fora da súa terra ca no seu lugar de orixe. “Adoitase dicir que ninguén é profeta na súa terra, pois iso é algo que temos a oportunidade de corrixir e de darlle o recoñecemento que se merece a unha ordense universal que colaborou dun xeito tan importante para reducir o índice de mortalidade dos nenos e nenas de medio mundo”, apunta o secretario xeral dos socialistas ordenses.
De feito, a Presidencia da República de México outorga anualmente e dende 1975 a medalla ao mérito en enfermería “Isabel Cendala Gómez” e deulle o seu nome á Escola de Enfermería de San Martín de Texmelucan (Puebla), xa que está considerada como a primeira enfermeira da historia da saúde pública de México e a Organización Mundial da Saúde a ten recoñecida como a primeira enfermeira da historia en misión internacional. Xesús Pedreira agarda contar co apoio unánime de todos os grupos municipais de Ordes para recoñecer a figura de Isabel Zendal Gómez, sobre todo agora que investigacións realizadas por Antonio López puxeron fin ás dúbidas sobre a súa orixe e demostraron que era nacida na parroquia de Santa María de Parada.
Unha figura histórica
Durante moitos anos, a orixe e mesmo o nome de Isabel Zendal Gómez estiveron rodeadas de moita confusión, pois mesmo se chegou afirmar que era de orixe vasca, irlandesa ou inglesa. As cartas do propio doutor Balmis mesmo puxeron en dúbida o seu apelido, pois se refire a ela como Sendalla, Zendalla, Sandalla, Gandalia… Novos documentos atopados polo investigador Antonio López permitiron descubrir que Isabel Zendal Gómez naceu en Santa María de Parada (Ordes) en febreiro de 1773, filla de Jacobo Zendal e de María Gómez, matrimonio que tivo outros sete fillos máis (catro dos cales morreron antes de cumprir o ano de vida).
A confirmación da orixe ordense de Isabel Zendal figura tanto no Libro de altas e baixas de Enfermos do Hospital da Caridade (Arquivo Histórico Municipal da Coruña) como no Libro de Bautismos nº 1 do Arquivo Histórico Diocesano de Santiago. Segundo o Libro de Difuntos nº 7 do Arquivo Histórico Diocesano de Santiago, a familia Zendal Gómez era pobre de solemnidade e mesmo non tiñan onde soterrarse, polo que tanto a súa nai como o seu pai recibiron sepelios de caridade.
Isabel Zendal, nai solteira dende 1796, entrou a traballar como rectora da Casa de Expósitos da Coruña no ano 1800 cun salario mensual de 50 reais e o pago en especies dunha libra diaria de pan. O 30 de novembro de 1803 zarpa dende A Coruña a bordo da corveta María Pita na Expedición Filantrópica que, durante dez anos, levou a vacina da viruela dende o norte de México ata o sur de Chile e dende Acapulco a Filipinas, Cantón, Macao, Santa Elena e Lisboa, dando así a volta ao mundo por mar. Unha vez rematada a expedición, Isabel quedou a vivir en Puebla (México) co seu fillo.