Dada a incidencia que está tendo a pandemia entre a cidadanía, Participación Cidadá abre unha nova convocatoria de voluntariado entre as veciñas e veciños
O Concello da Coruña pon en marcha un novo dispositivo de voluntariado para atender as persoas en situación de dependencia e soidade ou que teñen mobilidade reducida ante a incidencia que está a ter a Covid- 19. As/os intereradas/os en participaren poderán inscribirse na páxina web www.coruna.gal/participación sempre que sexan maiores de 18 anos e que non pertenzan a colectivos de risco. As/os voluntarias/os recibirán as indicacións pertinentes por parte de Protección Civil para realizaren os labores que se lles asignen nunhas condicións axeitadas e todas/os as/os que formen parte do servizo deberán cumplimentar unha declaración voluntaria de participación, de carácter
obrigatorio.
Na web está dispoñible toda a información sobre o que significa ser voluntaria/o, a lexislación vixente nesta materia e os programas de cooperación que están en marcha desde Participación Cidadá. Neste caso, a concellería pretende con este dispositivo xerar lazos de proximidade e de confianza entre o voluntariado e as persoas que precisen axuda, polo que os servizos se activarán en función destas
premisas: a relación próxima coa persoa que precisa colaboración, a tipoloxía da necesidade, derivada ben de circunstancias persoais, da súa contorna ou por causas de forza maior; e por último, a dispoñibilidade da/o voluntaria/o. Para contactar coa oficina de voluntariado e achegaren as súas consultas, as/os interesadas/os poden escribiren un correo electrónico a voluntariado@coruna.es ou chamaren ao teléfono de atención cidadá 010.