Saturday 16 de November de 2024

Camariñas insta á Xunta que tome medidas contra o gasto que supón aos Concellos o cumprimento da lei de Benestar Animal


Son ao redor de 60.000 euros anuais o que supón en gastos para as arcas municipais.

O orzamento municipal do Concello de Camariñas está a verse severamente diminuído pola lei de Benestar animal que entrou en vigor no 2018. O goberno local celebra as medidas tomadas pero insta á Xunta de Galicia que tome medidas contra o elevado gasto que supón aos Concellos o cumprimento da devandita lei.
O Concello contratou en 2018 os servizos de XEA (Xestión Ética do Abandono). Esta empresa encárgase da recollida, manutención, rehabilitación e posterior adopción nacional ou internacional dos animais
recollidos no termo municipal de Camariñas. “Atribuíronsenos unhas competencias sen outorgarnos ningún tipo de financiación para poder asumilas con certas garantías”, explica a alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, que destaca que “os veciños e veciñas de Camariñas valoran o servizo que prestamos, esforzámonos para atender todos os casos porque cremos que é algo esencial a pesar do gasto que
supón”.
O servizo ten un custo de 60.000 euros anuais para as arcas municipais xa que as taxas por recollida son de 85 euros sumando o obrigado protocolo veterinario. Ademais, por cada día que o animal pase nas instalacións de XEA, o Concello debe realizar un pago de 5,9 euros. Isto, a largo prazo, supón un alto custo para as arcas municipais.
Unha vez que o animal se educa e pasados os prazos legais, pasa a estar como adoptable. Entréganse en todos os casos con identificación electrónica, pasaporte oficial europeo, contrato legal de adopción e, no caso de animais adultos, castrados ou esterilizados. Se por idade aínda non poden someterse a dita intervención, entréganse previa firma de compromiso de esterilización ou castración demostrable.