A casa do concello acolleu esta mesma mañá unha reunión entre membros do executivo local da Pobra e a presidenta do Club Arqueiros do Barbanza, Inma Souto, co obxectivo de afondar na organización do Campionato Galego de Percorrido de Bosque 3D.
No referente ao protocolo establecido por mor da COVID-19 estipúlase o seguinte: non deixar entrar ninguén ao circuíto sen máscara; utilización en todo momento da máscara; tomar a temperatura de quen participe na proba cun termómetro a distancia; o xurado deberá empregar pantallas de protección, máscaras e luvas; e cada participante disporá dunha pistola pulverizadora de solución hidroalcohólica para desinfectar as figuras en que craven as súas frechas, entre outros aspectos.
En canto á normativa do propio evento, figura que as persoas menores de 14 anos deberán acceder acompañadas dunha persoa adulta que debe estar perfectamente acreditada; e quen incumpra as pautas, tanto as sanitarias coma as propias bases, deberá abandonar a competición, polo cal se procederá á súa descualificación.
Así mesmo, a realización desta cita deportiva contará cun recurso preventivo, é dicir, un conxunto de persoas que velarán en todo momento polo total cumprimento das medidas preceptivas.
No transcurso da xuntanza tamén se considerou a loxística necesaria para o desenvolvemento do campionato. Neste senso, o Club Arqueiros do Barbanza proporcionará máscaras e luvas para cambiar cando sexa preciso, ademais de facilitar o avituallamento sólido (bocadillo e froita), o cal estará precintado por salubridade. Pola súa banda, o Concello porá á disposición ambulancia, baños portátiles, toldos, contedores do lixo, valado, avituallamento líquido (botellas de auga) e ao redor de 30 trofeos. Do mesmo xeito, contarase coa colaboración da Protección Civil, cuxa función comprende, a maiores doutras cuestións, inspeccionar días antes o terreo xunto coa organización para asegurar a zona e balizar.