Friday 22 de November de 2024

O Concello facilítalle ao Sergas unha listaxe de persoal municipal para que lle realicen probas PCR


Máis de 1.400 traballadoras/os forman parte dese rexistro, aínda que moitas/os deles non terán que pasar polo posto habilitado no centro do Ventorrillo por motivos laborais

O Concello da Coruña, en colaboración coa Xunta, realizou unha listaxe do persoal traballador susceptible de ter contacto con usuarias/os dos servizos públicos municipais co obxectivo de axudar a controlar a evolución da pandemia na cidade. Durante as xornadas de hoxe e a de mañá, no posto habilitado no centro do Ventorrillo, as/os sanitarios practicaranlles a proba PCR a un total de 80 empregadas/os municipais por hora.
En concreto, nun primeiro rexistro inclúense 99 persoas pertencentes ao corpo de Bombeiros; 69, de Protección Civil; 145, da área de Servizos Sociais; 884 traballadoras/es do SAD (Servizo de Atención Domiciliaria); e 235, da Compañía de Tranvías. Todas as probas son voluntarias tal e como esixen desde o Sergas, polo que o número de persoas que se someterá a elas non se saberá até que finalice a campaña. Tamén hai que ter en conta que moitas delas non están activas ou non exercen o seu labor en contacto coa cidadanía, polo que é previsible que o total ao que se lle realizará o control non supere o milleiro. Hoxe inhabilitouse un carril na rúa Francisco Miguel para tal fin, pero mañá quedará toda a rúa cortada co obxecto de axilizar o proceso.