Friday 22 de November de 2024

‘A Vila do Mañá’ volve aterrar en Malpica cun completo programa de actividades adaptado á nova normalidade


O salón de plenos do Concello acolleu hoxe a presentación oficial desta iniciativa, que se levará a cabo entre o 24 e o 28 de agosto.

O salón de plenos do Concello de Malpica acolleu hoxe, martes 18 de agosto, a presentación oficial do programa educativo ‘A Vila do Mañá’. Ao acto acudiron o alcalde, Walter Pardo, o concelleiro de Servizos Sociais e Promoción Económica, Sergio García Villar, e o concelleiro de Turismo, Seguridade, Tráfico, Servizos e Agro, Alfredo Cañizo. Así mesmo, a presentación contou tamén coa intervención da creadora e directora do programa, Sandra González Álvarez, e con Santiago Rojo Martínez, membro de Post Arquitectos. Ambos os dous encargaranse de impartir as sesións formativas desta iniciativa.

O acto serviu para dar a coñecer as liñas mestras deste programa, que repite en Malpica por terceira vez. O obxectivo non é outro que “que os nenos e nenas tomen conciencia sobre a arquitectura, o patrimonio, o urbanismo e a paisaxe do noso concello a través de xogos”, comentou o rexedor durante a súa intervención. Pola súa parte, a directora explicou que esta “terceira convocatoria chegará con novas actividades e propostas para os cativos e cativos”. Como parte do programa, abordarase se as vilas, en xeral, e Malpica, en particular, están preparadas para cumprir coas esixencias da nova normalidade provocada pola COVID-19 como, por exemplo, coa distancia social. En definitiva, o reto principal que presenta este proxecto é que a infancia e a adolescencia participen, de xeito activo, nos proceso de construción do espazo común, dotándoos de ferramentas necesarias para desenvolver a súa creatividade, desde a arte e a arquitectura.

Este obradoiro, dirixido a nenos e nenas de 6 anos en adiante, terá lugar entre os días 24 e 28 de agosto. Co fin de reducir o risco de contaxios pola COVID-19, as sesións levaranse a cabo atendendo a un completo protocolo para garantir a seguridade de todos os participantes. Como parte das medidas, os grupos estarán formados por un máximo de 10 persoas. As inscricións poderán formalizarse no rexistro do Concello de Malpica.

‘A Vila do Mañá’ está impulsado pola Deputación da Coruña e recibe o apoio da ETSAC (Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña) e de APATRIGAL (Asociación para a Defensa do Patrimonio Galego).