A Concellaría de Cultura de San Sadurniño decidiu este luns interromper o programa de espectáculos “Á xunta da noite” que se viña desenvolvendo desde xullo de maneira itinerante por todas as parroquias. A medida adóptase como prevención ante o progresivo aumento de casos de COVID-19 que se están dando en Galicia. Deste xeito xa non se celebrará o programa previsto para este venres en Santa Mariña do Monte nin tampouco as outras catro citas pendentes até o venres 18 de setembro. Trátase dunha suspensión temporal, posto que o Concello manterá os acordos cos artistas e agrupacións participantes de cara a retomar as actividades máis adiante, posiblemente na primavera ou cando as circunstancias sexan totalmente seguras.
A concelleira responsable da área, Amparo Calvo, contactou onte con todas as persoas participantes -escolas municipais, entidades e artistas profesionais- para comunicarlles a suspensión temporal e explicarlles os motivos da decisión.
Calvo aludiu, como principal motivo, á recomendación publicada o sábado no Diario Oficial de Galicia de “restrinxir as xuntanzas a un máximo de 10 persoas”, pensando tanto no público asistente como nos intérpretes, sobre todo nas escolas municipais de pandeireta, gaita e cantos de taberna, “un dos piares do proxecto”, que xuntan un bo número de persoas en cada actuación. “Cos datos que Sanidade está facendo públicos, é un risco expoñer a saúde daquelas persoas que cada venres se unen a esta quedada”, apunta a concelleira.
Desde a Concellaría de Cultura engádese, porén, que se trata dunha medida temporal. De feito, o Concello ten intención de “recuperar esta idea no mesmo punto en que a deixamos” cando as condicións sanitarias permitan facelo con seguridade.
Así, o “Á xunta da noite” deste venres 21 de agosto en Santa Mariña do Monte xa non se vai celebrar. Tampouco o do 28 en Naraío nin os que ía haber durante setembro: o 4 en Silvalonga, o 11 en Ferreira de Abaixo e o 18 na área recreativa dos Currás, en San Sadurniño. Serían 18 actuacións en total -unha media de tres por xornada- que se reprogramarán para máis adiante mantendo o mesmo formato itinerante ou ben con convites a cada un dos grupos para actuaren en eventos puntuais. “‘Á xunta da noite’ naceu, entre outras cousas, para axudar á recuperación do sector cultural, aínda que sexa cunha contribución modesta. Por iso mantemos o compromiso de levar a cabo os mesmos espectáculos máis adiante, cando a situación o permita, e procurando que sexa tal e como concibimos o proxecto. Se non podemos facelo así buscaremos outras vías, como pode ser a reprogramación de cada actuación na Casa da Cultura ou como complemento das actividades que organicen as asociacións veciñais cando as cousas volvan ao seu”, explica Amparo Calvo.
A interrupción de “Á xunta da noite” prodúcese cando o programa se encontraba no seu ecuador. Até o momento pasaran polos escenarios ao aire libre de Ferreira, Bardaos, O Camiño Arriba, Igrexafeita e Lamas un total de 94 persoas -42 de San Sadurniño- que ofreceron 15 espectáculos de música, circo, malabares e humor. Nas citas que se desenvolveron até o momento -con aforo limitado a 100 persoas- contabilizáronse 543 asistentes.
Desde Cultura tamén se destaca a incidencia económica do programa no consumo local, posto que até o pasado venres se distribuíran 1.550€ en vales, case todos mediante sorteos entre o público, para gastar na hostalaría e noutros pequenos negocios de San Sadurniño. “Co proxecto tamén quixemos axudar a reactivar a economía dos bares, restaurantes e pequenos negocios que tiveron que pechar durante os momentos máis duros da crise. Somos conscientes de que os vales son unha axuda testemuñal, pero teñen o valor engadido de ser unha boa ferramenta de dinamización, de facer que a xente se dea conta da calidade e cantidade de servizos que ofrece o tecido produtivo e de servizos de San Sadurniño. Esta medida de apoio, a dos sorteos, queremos que se manteña cando poidamos retomar ‘Á xunta da noite'”.
Adiada a inauguración de “Pegadas dun pasado”
Cultura tamén informou hoxe de que se retrasa até a semana que vén a inauguración da exposición “Pegadas dun pasado” que ía ter lugar este mércores a partir das 19.00h. no patio interior da Casa do Concello. Neste caso a suspensión débese ao mal tempo que se prevé para a tarde de mañá.
O proxecto consiste nunha exposición que compara o San Sadurniño do pasado co do presente xuntando fotografías antigas e actuais de distintos recunchos do territorio, preparadas por un total de 14 participantes. Entre elas e eles -todo rapazada de entre 7 e 18 anos- sortearase unha cámara fotográfica e entregaranse distintos agasallos. Aínda que a mostra se inaugure a semana que vén, xa estará aberta para as visitas a partir deste xoves no horario de atención ao público do Concello: de 8.30 a 14.30h.