O festival, que salda este ano unha débeda co público infantil e xuvenil, manterá a súa calidade expositiva en todos os espazos reservados á banda deseñada, pero non contará con convidadas/os internacionais
O teniente de alcaldesa, Juan Ignacio Borrego, e o concelleiro de Cultura, Jesús Celemín, participaron esta tarde xunto a outras persoas representantes da corporación na inauguración do 23 Salón Internacional do Cómic, Viñetas desde o Atlántico, nun acto en que tamén interveu o director do festival, Miguelanxo Prado. Borrego destacou o esforzo que realiza cada ano o responsable, e máis nesta edición, con todas as incertezas que rodearon os eventos culturais até o último momento.
Neste aspecto, o edil manifestou que o festival se desenvolverá con todas as garantías de seguridade, “unha entrega moi especial, protagonizada por autores que descargan a súa imaxinación no público máis miúdo, aquel que medra soñando entre bocadillos, que se embarca en aventuras salvaxes e xoga a ter superpoderes”.
Borrego engadiu que a banda deseñada precisa de canteira que sosteña un universo “que nos fai rir e chorar, que nos emociona e esperta os nosos sentidos a través dos detalles que cada autor/a no seu estilo traza co seu lapis”.
O concelleiro recordou que os cómics emocionan, son un berro social, un espello do que somos mais tamén son unha fantasía, unha fonte de inspiración da que todas as nenas e os nenos deben desfrutar. Indicou tamén que o éxito de Viñetas está en chegar ás persoas que non son lectoras nin lectores con ganchos amables e atraer do mesmo xeito as e os devotos, aos que Prado “sempre lles ten sorpresas reservadas”. Por último, Borrego animou a veciñanza a que pasee até o 23 de agosto entre historietas, adquira novidades e visite as exposicións “axitando a cultura que é a que nos dá corda como individuos e como sociedade”.
Pola súa parte, Miguelanxo Prado amosou a súa satisfacción ao se poder realizar o salón, xa que eran conscientes de que fallar unha vez nun evento así podía ser dramático por se rachar unha inercia na xente. Neste caso, afirmou que o deseño desta entrega é modulado, coa mesma calidade nas mostras e nas pezas expostas e sen ningunha sala sen ocupar desde o Quiosco Alfonso á de Durán Loriga, pasando polo vestíbulo do pazo municipal, Palexco e a Torre de Hércules. O que si corroborou o responsable é que este ano non haberá convidadas/os internacionais.
Elas e eles non estarán fisicamente mais si contaremos coa súa obra e mais coa das autoras e autores do país.
En concreto, Prado falou de Xulia Vicente, que era unha “mica” cando comezou o salón hai 23 anos e acudía como espectadora, “polo que poder consagrala no Quiosco foi unha satisfacción inmensa”. A autora de Cariño representa, para Miguelanxo, un resumo da evolución da banda deseñada “ela non ten escrúpulos, sabe que pode facelo sen que desmereza ningunha das obras, ademais é muller e sobraba testosterona no cómic”. Afirmou Prado que o salón se tivo que reformular, que Pau finalmente non poderá asistir á cita e que no caso das conferencias, a capacidade limitarase a 18 persoas: “Temos que establecer un sistema moi ríxido de adxudicación, o mesmo que nas sinaturas”, asegurou.