Friday 22 de November de 2024

O Concello de Brión inicia as obras de mellora de seguridade viaria entre San Salvador e Coruxido, cun investimento de máis de 300.000 euros


José Luís García salienta que “con esta actuación damos resposta a unha antiga demanda da veciñanza da zona”
O Concello de Brión vén de poñer hoxe en marcha as obras de mellora da seguridade viaria na travesía entre San Salvador e Coruxido. Esta actuación conta cun investimento de máis de 300.000 euros procedente integramente de fondos propios.
“Con este proxecto, damos resposta a unha antiga demanda da veciñanza da zona”, asegura o alcalde de Brión, José Luis García. A actuación estase a desenvolver na travesía que une os núcleos de San Salvador e Coruxido e que se estende algo máis de dous quilómetros. Trátase dunhas melloras moi solicitadas, xa que se trata dunha área residencial bastante concorrida.
Ademais, esta travesía dá servizo a un total de seis núcleos poboacionais (Bastavaliños, Casal do Eiro, Romarís, O Ribeiro, Osebe e Curuxido) e é tamén un dos viais de acceso á igrexa de Bastavales.
A actuación, que está a executar a empresa Eulogio Viñal, comprende a habilitación dunha senda peonil ao longo de toda a travesía. Discorrerá pola marxe esquerda deste vial en dirección á estrada autonómica AC-300 ao longo duns 2,3 quilómetros. Dita senda construirase en formigón coloreado –para unha mellor integración paisaxística- con mallazo de 15 centímetros de espesor sobre unha base de zahorra de 20 centímetros.
En xeral, a senda peonil contará cun ancho de 1,80 metros, se ben haberá nalgúns puntos no que se deberá estreitar. Así mesmo, nas zonas de nova urbanización que xa contan con beirarrúas, a senda unirase a elas dándolle, deste xeito, continuidade.
Por outra banda, tamén se levará a cabo a renovación de redutores de velocidade tipo “lombo de asno”. Deste xeito, búscase moderar a velocidade á que circulan os vehículos por esta concorrida travesía.
O prazo de execución destas obras é de seis meses. Porén, agárdase telas rematadas antes.