Saturday 16 de November de 2024

O Concello e o sector da hostalaría únense para consolidar Muxía como destino seguro de cara ao remate da temporada de verán


O alcalde de Muxía, Iago Toba, e o resto de membros do goberno local presentaron unha batería de medidas para mellorar a seguridade e a hixiene nos establecementos.
O alcalde de Muxía, Iago Toba, o primeiro tenente de alcalde, Javier Romar, e a segunda tenente de alcalde, Olalla Benlloch, reuníronse no salón de plenos do Concello cos representantes do sector da hostalaría local co obxectivo de sumar esforzos para consolidar Muxía como destino seguro de cara ao remate desta temporada de verán.
No encontro o equipo de goberno presentaron unha batería de medidas para mellorar a seguridade e a hixiene nos establecementos:
 A desinfección periódica das terrazas coa máquina nebulizadora adquirida polo Concello.
 Inicio de campañas de promoción da hostalaría de Muxía como establecementos seguros.
 Control máis rigoroso por parte da Policía Local para asegurar o obrigado uso de máscaras e o cumprimento das novas medidas establecidas polas autoridades sanitarias.
 Desenvolver unha campaña de concienciación dirixida á veciñanza para lembrar a importancia de cumprir as medidas de hixiene e seguridade.
 Mellorar o servizo de recollida de lixo e limpar cunha maior frecuencia os contedores das zonas onde hai establecementos de hostalaría.
Iago Toba destacou que “foi unha reunión moi produtiva onde se constatou a unión total que existe entre o sector da hostalaría e o Concello. Quixemos transmitirlles o noso apoio agora que se están recuperando despois das perdas ocasionadas polo confinamento”.
“Sumando esforzos entre todos, lograremos consolidar Muxía como un destino seguro de cara ao final dunha temporada de verán na que están a superarse as cifras do número de turistas doutros anos”, argumentou o rexedor.

Os representantes do sector hostaleiro comprometéronse a poñer todo da súa parte, informando aos seus clientes de todas as medidas vixentes que deben respectarse nos locais para evitar a propagación do Coronavirus.
“É unha batería de medidas que se suma a outras anteriores como a ampliación do espazo das terrazas e que ven a reafirmar o compromiso deste goberno para axudar ao sector hostaleiro nesta volta a actividades” explicou Iago Toba, que tamén lembrou outro tipo de accións como “a desinfección dos taxis, que contribúe  a que Muxía sexa un destino seguro e así o consideren tamén desde fora”.