Monday 25 de November de 2024

Os percebeiros galegos poden consultar desde o móbil con antelación as condicións do mar nas súas zonas de traballo


A Xunta lanza a aplicación Percegurú para teléfonos móbiles para facilitar o traballo destes profesionais do mar e axudalos na toma de decisións que aumenten a súa seguridade

A Consellería do Mar vén de poñer en marcha a aplicación móbil Percegurú, coa que os percebeiros poden consultar desde os seus dispositivos móbiles, con antelación e a calquera hora do día, as condicións do mar en cada zona na que se explota o percebe. O obxectivo desta ferramenta de apoio ao labor destes profesionais é que dispoñan de información básica das condicións oceanográficas e atmosféricas de cada unha das zonas de extracción de percebe, de maneira que lles permita orientar o seu traballo e lles axude na toma de decisións que aumenten a súa seguridade no mar.
Con esta ferramenta a Xunta incrementa as posibilidades de acceso á información das zonas de traballo por parte dos profesionais do mar, pois esta opción súmase á aplicación que existe en formato web desde o ano 2012 e á que se pode acceder no enderezo http://mapas.intecmar.gal/perceguru/ . Esta opción web foi actualizada no 2018, cando se mellorou a súa resolución, se ampliaron os graos de risco de actividade por zona de traballo
-había tres e engadiuse un máis- e se pasou a actualizar a información automaticamente, sen interrupción na fin de semana.
Coa aplicación Percegurú calquera percebeiro pode coñecer con tres días de antelación e dunha maneira sinxela información da ondada nas zonas de extracción de percebe, o horario local das mareas; cal vai ser a temperatura ambiente e da auga coa que se van atopar; con que intensidade e en que dirección van soprar os ventos; cal é a forza e o estado do mar e tamén a dirección, frecuencia e altura das ondas.
Precisamente, a altura que acaden as ondas vai ser o factor determinante para reflectir sobre un mapa o grao de risco que pode supoñer a actividade en cada zona, representándoo cunha luz ou semáforo azul se as ondas non superan o metro de altura; verde se as ondas están entre un e dous metros; amarelo, se están entre dous e tres metros; e vermello se superan os tres metros.

Para ver o prognóstico nunha determinada zona é preciso escoller a confraría de pescadores correspondente e a data desexada (predición a tres días). Premendo sobre o punto da costa escollido pode verse información máis detallada sobre as condicións meteorolóxicas (mar de fondo, mar de vento, temperaturas e mareas) no punto elixido.
Toda esta información de predición xérase de forma automática a partir de modelos numéricos e estatísticos de predición meteorolóxica mantidos por MeteoGalicia e o seu postprocesado e visualización é realizado polo Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar). Actualízase diariamente e ten como finalidade axudar a estes profesionais do mar a saír a faenar con maior seguridade e de maneira mellor organizada.
A descarga da APP Percegurú, que xa está dispoñible no caso dos dispositivos con sistema operativo Android e que se está ultimando para o caso dos iOS, é moi sinxela e totalmente gratuíta. Tan só hai que premer na tenda correspondente en cada móbil -Play Store no caso de Android e na App Store no de iOS- teclear Percegurú e iniciar a descarga.
A orixe de Percegurú está na aplicación web que naceu no 2012 froito do traballo conxunto entre o Intecmar e MeteoGalicia, sendo a APP desenvolvida dentro do proxecto europeo MarRISK enmarcado no Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España- Portugal (Poctep).