Friday 22 de November de 2024

A Xunta facilita ao sector do viño a posibilidade de levar os seus rexistros de xeito telemático mediante unha aplicación informática específica


Os interesados poden solicitar o emprego da ferramenta Acios (Aplicación Contabilidade Integral Oficial), especificando os libros rexistro para os que piden a autorización e os datos dos usuarios que accederán á plataforma
A Xunta facilita ao sector do viño a posibilidade de levar os seus rexistros de xeito telemático mediante a aplicación informática Acios (Aplicación Contabilidade Integral Oficial), á que se pode acceder a través da Oficina Virtual de Medio Rural. Con esta ferramenta voluntaria que se pode solicitar en calquera momento contribúese, ademais, ao cumprimento da normativa europea, que establece que as persoas que manexen produtos deste eido teñen a obriga de levar rexistros, entre outros, das súas entradas e saídas.
Coa ferramenta Acios compleméntase o proceso de modernización tecnolóxica que levan protagonizando nos últimos anos as adegas da nosa comunidade, tanto nos seus procesos produtivos como na súa xestión administrativa. Así, a Xunta desenvolveu esta aplicación informática para facilitarlle ao sector a levanza dixital dos rexistros vitivinícolas, coñecidos habitualmente como Libros Rexistro.
Esta aplicación tamén facilitará en próximas versións a importación de datos dende as aplicacións propias de contabilidade das adegas, o tratamento de información para a realización de varias declaracións vitivinícolas (Infovi -sistema de información vitivinícola do Ministerio de Agricultura-, declaracións Fogga), así como a xestión de datos de provedores e confección dos contratos de compra-venda de uva. Tamén permitirá o cálculo de balances dos distintos produtos vitivinícolas que elaboren as empresas.
A Consellería do Medio Rural establecera no seu día normas de aplicación relativas aos rexistros do sector vitivinícola mediante un decreto específico. Esta norma recollía que as persoas físicas ou xurídicas e as agrupacións de persoas que, para o exercicio da súa profesión ou con fins comerciais, tiveran no seu poder un produto vitivinícola, deberían levar unha contabilidade mediante rexistros. Ademais, contemplábase que a dirección xeral competente en materia de calidade agroalimentaria establecería unha aplicación informática de levanza dos rexistros vitivinícolas, que se facilitaría aos operadores comercias que quixeran utilizala.
Con esta aplicación xa en marcha, os interesados en empregala poderán solicitar o seu uso na xefatura territorial da Consellería do Medio Rural da provincia onde se sitúe a instalación para a que pidan a levanza informática dos rexistros. Na solicitude, que poderán encontrar no anexo desta orde do Diario Oficial de Galicia e presentar en calquera momento do ano, deberán facer constar os Libros Rexistro para os que piden a autorización e os datos das persoas usuarias iniciais que accederán á plataforma. Estas solicitudes débense presentar obrigatoriamente por medios telemáticos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta, https://sede.xunta.gal .
Cómpre destacar que o sector vitivinícola é unha peza clave do complexo agroalimentario galego e articúlase fundamentalmente en torno ás cinco denominacións de orixe existentes: Monterrei, Rías Baixas, Ribeira Sacra, Ribeiro e Valdeorras, así como ás catro indicacións xeográficas: Barbanza e Iria, Betanzos, Ribeiras do Morrazo e Val do Miño-Ourense.