Friday 22 de November de 2024

O Concello conta co informe favorable de Patrimonio para mellorar a contorna do lavadoiroc e a fonte de Elviña


Para levar a cabo este proxecto de reurbanización expropiáronse dúas construcións na rúa Antonio Insua Rivas

O Goberno local xa conta co informe favorable de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia para o proxecto de reurbanización na contorna do lavadoiro e a fonde de San Vicente de Elviña.

Este proxecto supón unha mellora ambiental da contorna, a recuperación da antiga fonte de San Vicente de Elviña e a eliminación de elementos desconformes do lavadoiro. Tamén mellorará a mobilidade peonil e estancial en todo o espazo público ao unificar a contorna do lavadoiro ao carón da estrada provincial coa contorna do local social situado alén, e unha mellora notable tanto na calidade do mobiliario urbano e os pavimentos como nas infraestruturas.
A decisión da expropiación das vivendas por parte da Concellería de Urbanismo, Infraestruturas e Mobilidade responde a unha petición da veciñanza, concretamente da Asociación de Veciños dos Rexumeiros, despois de reunirse o concelleiro e o seu equipo con esta entidade e presentarlle o proxecto. Neste encontro, o pasado mes de outubro, a asociación propuxo unha serie de cambios que foron acollidos pola Concellería no proxecto. Posteriormente, presentouse o proxecto ao servizo de
Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia e tomouse a decisión de que neste punto reubicarase o cruceiro que actualmente está situado nun ámbito secundario e con moi pouca presenza.