As peoas e os peóns terán un maior protagonismo na zona tras a ampliación de beirarrúas, que contarán con novo mobiliario urbano para o lecer e mais con vexetación
O concello rematará a finais deste mes as obras do viaduto e a adecuación da rolda de Nelle, no tramo que vai da rúa Aaiún á de San Sebastián. Na última semana de agosto, realizaranse os traballos de asfaltado e de sinalización horizontal, así como o recrecido das tapas dos pozos. Ademais, instalarase máis mobiliario urbano, en concreto, papeleiras e catro aros de aparcabicis, que lles darán cobertura ás e aos ciclistas na praza de San Sebastián, unha cuestión prioritaria para a alcaldesa, Inés Rey, que aposta pola creación de espazos públicos de convivencia en todos os barrios da cidade nesa progresión en
que a mobilidade branda acadará un maior protagonismo e a redución do tráfico rodado será unha realidade. Por outro lado, co pintado establecerase un novo tramo reservado a carril bici e que sumará máis de 200 metros a un total de máis de 30 Km, en que as persoas que circulan sobre dúas rodas teñen as máximas garantías de seguridade.
A actuación, que comezou o 27 de xaneiro, sufriu un parón de varias semanas por mor do estado de alarma e unha ralentización propia da inactividade propiciada por ese momento. Aínda así, entregarase dentro do prazo máximo estipulado de 12 meses. Con ela, vaise mellorar considerablemente a mobilidade na zona, xa que as beirarrúas son máis amplas e contan con vexetación. A rolda de Nelle estreará así elementos de mobiliario que até o de agora non tiña e a renovación do trazado inclúe tamén a ampliación da parada de bus. A obra foi adxudicada por 1.035.551,38 euros a Arias Infraestructuras.