O Concello ofreceulles a súa colaboración redactando a memoria para unha traída conxunta e tamén avanzou a creación dunha liña específica de subvencións dirixidas a comunidades legalmente constituídas
A pista polideportiva da Torre, en Igrexafeita, acolleu onte á tardiña unha xuntanza veciñal para falar unha vez máis do problema que sofre unha parte da parroquia pola mala calidade e a escaseza da auga, pero tamén da urxencia de atopar unha solución. O encontro -no que participou o alcalde en representación do Concello- saldouse co acordo de promover unha comunidade de persoas usuarias e, a partir de aí, executar unha captación e unha traída conxunta. O Concello está preparando unha memoria técnica sobre os custes desa infraestrutura -documento necesario para que a veciñanza poida acollerse a subvencións- e tamén avanzou a súa intención de promover unha liña de axudas anuais para colaborar coas agrupacións veciñais que decidan acometer abastecementos conxuntos.
Igrexafeita é un territorio atípico dentro de San Sadurniño no que á auga de consumo doméstico se refire. As zonas máis elevadas da parroquia -os Miguelares, o Castro, etc.- súrtense de traídas ou pozos que beben dos acuíferos graníticos do Forgoselo. Tirando cara ao norte, as vivendas a media altura a un e outro lado do Castro collen a auga dos regatos que baixan desde a fraga ou contan con cadanseu pozo de barrena. Hai auga en abundancia e cunha composición axeitada para o consumo humano.
O problema principal dase así que empezamos a subir cara ao eixo da antiga estrada das Pontes. Desde o Outeiro até o acceso á AG-64 é onde se concentra o maior número de vivendas e poboación da parroquia. É unha zona elevada onde a única solución para abastecerse é traer a auga desde quilómetros de distancia -algo que algunhas casas fixeron hai décadas- ou probar sorte e facer un pozo. E se dicimos “probar sorte” é porque, nese eixo, atopar auga en cantidade e con boa calidade é toda unha lotaría.
Pode ser que fures en varios sitios e non encontres auga ou non a suficiente, tamén pode ser que deas con ela á primeira e cunha calidade excepcional, pero a experiencia dos últimos anos indica que, de encontrala, seguramente teña unha composición que desaconselle o seu consumo e que mesmo poida producir estragos na bomba, na lavadora, no quentador ou na máquina lavalouzas. O problema está na propia estrutura xeolóxica do subsolo. Esta parte de Igrexafeita encóntrase xusto enriba dunha mestura de minerais variados -ferro principalmente, pero tamén outros metais- que lle confiren á auga unhas propiedades que mesmo poden ser prexudiciais para a saúde a medio e longo prazo.
O Concello e maila veciñanza levan polo menos catro anos falando deste problema e de como solucionalo. No verán de 2017 fíxose un estudo en colaboración coa Universidade da Coruña que constatou a excesiva mineralización da auga e a presenza doutros elementos perigosos en traídas particulares. A partir de aí fixéronse visitas para ver experiencias de traídas comunitarias en Pontevedra e noutras zonas da Coruña, todas elas integradas na COXAPO, e o Concello tamén estudou varias posibilidades: conducir auga por gravedade desde o Forgoselo, opción desbotada polo seu elevado custe; aproveitar algún dos mananciais da zona do Capelo, que perden moita capacidade durante o verán; facer un pozo de barrena preto do Outeiro, onde non apareceu auga; bombear desde a fonte da Santa do Biscordel, que non garante caudal suficiente… en definitiva, probouse e pensouse case de todo sen obter resultados satisfactorios.
A última opción que semella ofrecer certas garantías está preto das Penas do Rei Mouro, nun pequeno regato que nace mirando ao norte no lugar da Curuxa. Pola diferenza de nivel é imposible que funcione por gravedade, pero cun investimento asumible poderíase preparar unha captación, un bombeo e un depósito máis elevado para abastecer a todos os domicilios da Penalonga e o Camiño Grande que levan anos tendo problemas coa auga.
O Concello xa está preparando unha memoria técnica de todo o equipamento e o investimento que serían necesarios, aínda que a execución da infraestrutura e a súa xestión sería por iniciativa veciñal. Iso foi o que se porpuxo onte á tardiña na xuntanza mantida con preto dunha vintena de veciñas e veciños instándoos a que se constituísen como comunidade de usuarios de auga. Facelo abriríalles as portas ás subvencións que concede a Xunta de Galicia para traídas e infraestruturas comunitarias, pero tamén ás que ten previsto convocar o propio Concello.
Secundino García explicou que a creación dunha agrupación formal de persoas usuarias -con nome, estatutos, e membros integrantes- é un requisito legal para poder obter as axudas autonómicas, que tamén esixen levar a cabo infraestruturas que cumpran coa normativa da auga: captacións adaptadas á lei, control de consumos, auga tratada convenientemente para que se axuste aos parámetros sanitarios, etc. O alcalde adiantou, ademais, que o Concello tamén ten previsto reservar nos orzamentos municipais unha cantidade fixa anual para colaborar coas comunidades legalmente constituídas que queiran acometer traídas conxuntas.
No caso de Igrexafeita todas as persoas asistentes -ás que se poderían sumar máis veciñas e veciños, sempre que o caudal da nova infraestrutura o permita- estiveron de acordo en iniciar os trámites para crear a comunidade de usuarios, como paso previo ao desenvolvemento dun proxecto conxunto de abastecemento para a zona do Camiño Grande e a Penalonga.