É o paso previo para comprobar que as melloras levadas a cabo polo Concello están sendo efectivas e poder incluír ao areal no censo oficial de praias aptas para o baño.
A praia de Camelle volve a ser incluída nos controis oficiais da calidade da auga para a temporada 2020 da Xunta de Galicia. Así o informou a administración autonómica ao Concello de Camariñas tras recibir a solicitude do goberno local para que se volva a incluír ao areal no censo de praias aptas para o baño.
Este sería o paso previo para que Camelle aparecese o próximo verán no censo de praias aptas para o baño. As últimas analíticas, encargadas polo goberno local, arroxan un resultado de ‘boa’ na calidade das augas do areal polo que o obxectivo da Consellería de Sanidade é comprobar que están sendo efectivas as medidas levadas a cabo polo Concello para reverter os malos resultados dos últimos exercicios.
A praia de Camelle carecía dos controis da Xunta ao non estar incluída no censo debido aos malos resultados dos últimos exercicios. O pasado ano, no transcurso dos traballos de renovación da rúa Nova e Porto, o Concello detectou que os sumidoiros dalgunhas vivendas particulares estaban vertendo na recollida de pluviais, polo que remataban no mar e isto influía na mala calidade das augas.
Naquel momento o goberno local levou a cabo unha obra de adecuación da rede de saneamento que agora comeza a dar os seus froitos. “É unha boa nova que a Xunta considere que debe incorporar a praia de Camelle aos seus controis, significa que consideran que as obras que executamos poden
solucionar os problemas de anos anteriores”, explicou a alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua.
Ademais, a rexedora aclarou que “sabemos que a praia non se incluirá no censo de praias da Xunta de Galicia ata o próximo ano polo que a sinal de ‘auga non apta para o baño’ permanecerá durante este verán pero, para tranquilidade dos veciños e veciñas, colocamos unha copia da última analítica da auga que se realizou por parte do Concello”.
Area da Vila
O goberno local tamén está traballando a reo para que a outra praia do municipio que se atopa fóra do censo, a de Area da Vila, poida ser reincorporada. Recentemente fíxose unha obra de saneamento para solucionar os vertidos ao mar que se estaban a producir e intentar así mellorar a calidade da súa auga e está programada outra mellora para o mes de setembro.
Estes traballos xa comezan a arroxar resultados. O Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (INTECMAR) informou ao Concello de que están a mellorar considerablemente os parámetros microbiolóxicos da estación de mexillón de rocha situada na enseada da
Vasa. Pasouse de acadar no mes de marzo niveis de E. Coli de 20.000 por cada 100 gramos aos 66 do mes de xuño ou os 20 de xullo.