Co obxectivo de contribuír á superación da fenda dixital, o Concello da Pobra do Caramiñal, a través da Concellería de Igualdade, mercou este mes de agosto un total de 20 tablets coas súas correspondentes fundas. Dita medida supuxo unha inversión de 3.600 euros con cargo aos orzamentos municipais de 2020.
Actualmente estes dispositivos atópanse en uso por parte das crianzas que participan no campamento de conciliación que se celebra no C.E.P. Salustiano Rey Eiras, empregándoos como ferramenta para socializar a través de xogos de mesa virtuais e actividades de lóxica, seguindo o protocolo de seguridade establecido por mor da COVID-19 e sen renunciar á diversión sen esquecer o aspecto educativo.
Unha vez remate o campamento co inicio do curso escolar, as tablets empregaranse naquelas actividades organizadas polas diversas áreas do Concello que así o requiran. Preténdese así achegar as novas tecnoloxías e formación online ao conxunto da veciñanza independentemente do rango de idade.