Friday 22 de November de 2024

O Concello da Pobra continúa coas xuntanzas co empresariado para abordar a ampliación do polígono da Tomada


O proxecto para a segunda ampliación do parque empresarial da Tomada atópase en fase de estudo por parte do Concello da Pobra do Caramiñal para, posteriormente, remitir os datos que obteñan a Suelo Empresarial del Atlántico (SEA). A xerente da entidade solicitou unha sondaxe das necesidade de ampliación das empresas do municipio. Por este motivo iniciouse unha rolda de contactos con representantes das empresas do polígono e da localidade co obxectivo de coñecer as súas necesidades de
ampliación e propostas. De feito, xa se produciron xuntanzas con Mobalco, Actemsa, Salica, Transportes Atlas, Mapir, Congalsa, Grupo Roig, DS Smith, Luis Escurís Batalla, Talleres Fontao, Granitos Obradoiro, Autocares Barbantia e Alicrusa.
Nas xuntanzas tamén se están a tratar as demandas de mellora no actual polígono, tales coma a conexión a Internet, o incremento das prazas de estacionamento, a recollida de lixo e o mantemento de viais, zonas verdes e beirarrúas.
A técnica de Medio Ambiente, Beatriz González, participa tamén nas reunións co obxectivo de valorar conxuntamente as analíticas ás que son sometidas as diferentes empresas para controlar os seus vertidos, tanto á rede de saneamento coma á rede de pluviais.
No día de onte, xoves 13, efectuouse a visita á empresa Pescasana, dedicada ao sector alimentario, na que o mandatario local tivo un encontro co xerente da referida sociedade, Víctor Domínguez. Este último afirmou que están interesados na ampliación do parque empresarial, pois sinalou que detectan unha saturación nas súas instalacións.
Pola súa parte, a técnica de Medio Ambiente indicou a Pescasana que o seu procedemento de obtención do permiso de vertido está pendente dunha nova valoración do proceso produtivo, e que, logo de tódalas actuacións requiridas polo Concello e realizadas pola empresa, a intención é que conte co permiso en regla a comezos do 2021.