A mala previsión meteorolóxica para esta fin de semana fixo que desde o Concello da Pobra do Caramiñal tomasen a decisión de modificar as citas que estaban programadas a partir do sábado 15, inclusive. Así o anunciaron o alcalde Xosé Lois Piñeiro, a concelleira de Cultura, Patricia Lojo, e a súa homóloga de Turismo, Charo Varela.
Polo de momento, a única actividade que non sufre variacións é o concerto de Monoulious Dop que se celebrará mañá, venres 14, na praia da Illa, a partir das 21.00 horas, pois non se agarda chuvia.
Para a xornada do sábado 15 íanse desenvolver concertos nas terrazas, os cales quedan anulados e pospóñense para o mes de setembro, con data concreta aínda por determinar. En canto aos concertos nas prazas, a actuación de Moito! trasládase ao Elma, espazo que conta con maior aforo, e procederase á apertura de portas ao redor das 22.00 horas. Mentres tanto, o de Mad Martin posponse ao 29 de agosto, seguindo o mesmo formato inicial e barallando a posibilidade de que sexa no Cantón da Leña ou na praza do Emigrante.
Así mesmo, adíase a actividade que ía ter lugar o domingo 16 e luns 17, consistente en cociñar nas prazas da vila baixo a dirección de Kike Piñeiro e Eloy Cancela, de A Horta do Obradoiro, para, posteriormente, repartir as tapas elaboradas con produtos locais entre as terrazas dos diversos establecementos hostaleiros do municipio. A intención é recolocar esta cita para finais deste mes, xunto con dous pequenos eventos musicais que amenizarán a xornada.
No que respecta á música tradicional nas prazas e rúas, explicaron que agardarán a ver como se desenvolve a fin de semana, decidindo no transcurso da mesma, ao non precisarse loxística.
Cómpre lembrar que tódalas propostas contarán con medidas de protección, protocolos de seguridade e vixilancia fronte a COVID-19.