Friday 22 de November de 2024

O goberno segue traballando para mellorar rede de camiños e proxecta actuacións nunha vía sita no lugar de Loutoño


Como explica o alcalde, Walter Pardo, “o obxectivo destas intervencións é mellorar esta vía, moi empregada polos agricultores do municipio, que a empregan para acceder ás súas fincas”.

A mellora da rede de vías e camiños do termo municipal é, sen lugar a dúbidas, unha das máximas premisas do goberno local do Concello de Malpica. Proba deste compromiso é vindeiro proxecto que o executivo levará a cabo na parroquia de Cambre. En concreto, os plans do goberno suporán a mellora dun camiño no lugar de Loutoño.
Como explica o alcalde do Concello de Malpica, Walter Pardo, “o obxectivo destas intervencións é mellorar este camiño rural, moi empregado polos agricultores do municipio, que a empregan para acceder ás súas fincas. Con estes traballos responderemos unha demanda dos veciños e veciñas da zona”.
Actualmente, este camiño está intransitable debido á invasión da vexetación e ao deterioro do firme. O proxecto do Concello pretende solucionar estes problemas, axustando o camiño ás características do tráfico rodado. Para logralo, o plan inclúe os seguintes labores: retirada da masa vexetal, preparación do camiño coa roza, limpeza e retirada de escombros ou apertura de cunetas, aporte de recebos, nivelación e compactación do mesmo. Así mesmo, as actuacións incorporan a realización da canalización de augas de escorrentías mediante a formación de taxeas e as embocaduras correspondentes, sobre todo nos cruzamentos con outros camiños.
A mellora do camiño financiarase cun orzamento total de 38.632,61 e terá un prazo de execución dun mes.