A décimo oitava edición da Travesía Solidaria a Nado entre os peiraos de Testal (Noia) e do Freixo (Outes) celebrarase o vindeiro sábado 15 de agosto, cunha cota máxima de 50 nadadores. Dada a situación sanitaria derivada da pandemia da Covid-19 a organización deste evento deportivo tivo que reducir as prazas para os participantes ao 50% respecto ao último exercicio. “A Travesía Solidaria é xa unha tradición en Noia e no Freixo, por iso buscamos a mellor forma de seguir adiante cumprindo coa normativa sanitaria e de seguridade que require a pandemia do coronavirus”, explicou a Concelleira de Deportes, Laura Salgado, durante o acto de presentación desta iniciativa, no que estivo acompañada do representante de ADECO- DEA, Xosé Barrio.
Para evitar contaxios ou situacións de perigo para os participantes, dende a organización decidiron limitar ao 50% as prazas dispoñibles, así como eliminar a merenda que se viña facendo cada ano e impedir o uso dos vestiarios. O que si terá lugar é a entrega de trofeos e medallas, pero sempre evitando aglomeracións. E, posto que non se celebrará ningunha comida conxunta, cada nadador recibirá unha mochila cun aperitivo. Do mesmo xeito que para solucionar a limitación no uso dos vestiarios, instalaranse efectivos para que os participantes poidan asearse tras a realización da proba. A organización tamén ten previsto entregar unha máscara a cada deportista no momento no que finalice a proba.
O responsable de ADECO-DEA, Xosé Barrio incidiu na necesidade de que a cidadanía colabore, manteña as distancias establecidas e cumpra con todas as recomendacións das autoridades sanitarias. “Dende a organización traballamos para garantir á seguridade de todos os participantes nesta proba e poder así seguir reivindicando o deporte”, sinalou.
A actividade, que carece de carácter competitivo, busca promover a práctica do deporte entre persoas con discapacidade ao mesmo tempo que se impulsan valores como a solidariedade, a inclusión e a integración social. No acto de presentación celebrado na Casa do Concello de Noia, Laura Salgado e Xose Barrio agradeceron as colaboracións da Cruz Vermella, Protección Civil, a Confraría de Pescadores San Bartolomeu de Noia, o Real Club Náutico de Portosín, o Museo do Mar de Noia, a asociación deportiva O Peirán, o Centro Náutico Municipal de Outes, o Club do Mar de Noia, Portus Apostoli, Deporte Galego e a Deputación da Coruña para o desenvolvemento da proba en condicións de máxima seguridade.
Participación aberta a calquera persoa
Nesta décimo oitava Travesía Solidaria a Nado Testal-Freixo, de 3,3 quilómetros aproximadamente, pode anotarse calquera persoa, independentemente de se pertence a un club ou non. As inscricións poden formalizarse en www.galitiming.com ata hoxe, 12 de agosto, ás 00:00 horas. Se ben, neste momento só quedan dispoñibles 7 prazas.
Ademais de inscribirse, cada participante debe aboar unha cota de 10 euros para a tramitación do seguro. Os controis de saída están fixados para as 16:00 horas e a saída darase ás 16:30 horas. Á chegada á meta, efectuarase un novo control e despois as persoas participantes regresarán ao peirao noiés, en embarcación ou nun automóbil –previa solicitude á organización-.
Como patrocinadores da travesía figuran ABANCA, Tucho, Obra Social Fundación la Caixa, Asesoría Ramiro Hermo, Clínica Juanatey, Cenor Noia, BigMat Ría Noia, Supermercados Froiz, Carnicería Mayca, Autos Patiño Noia, Óptica Nieto e Confitería A Roufana.