O acto servirá para lembrar a Antonio Suárez Blanco “Coruña”, Luís Rodríguez Villar “Luís de Rogita” e a Antonio Fariña Chouciño “Antonio da Rosa”. Despois de loitar xunto aos aliados na Segunda Guerra Mundial, estes malpicáns foron levados ao campo de concentración.
O Concello de Malpica e a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica organizarán, en colaboración da Confraría de Pescadores, un acto en homenaxe aos tres malpicáns que foron deportados ao campo de concentración nazi de Mauthausen: Antonio Suárez Blanco, “Coruña, Luís Rodríguez Villa, “Luís de Rogita”, e Antonio Fariña Chouciño, “Antonio da Rosa”. O evento celebrarase o venres, 21 de agosto, na Casa do Pescador.
Como explica o alcalde do Concello de Malpica, Walter Pardo, con este evento búscase un dobre obxectivo: “por un lado, queremos renderlles homenaxe a estes veciños, que forman parte da historia do noso municipio. Polo outro, queremos que a cidadanía de Malpica e, sobre todo, os mozos e mozas, saiban o que pasou naquela época histórica”.
O programa arrincará ás 20.00 horas coa presentación do libro “Aquela xente digna”, escrito por Héctor Pose e financiado pola Deputación Provincial da Coruña. Nesta primeira parte intervirán os familiares dos homenaxeados, o autor da obra, Héctor Pose, a representante da Asociación para a Recuperación Memoria Histórica, Carmen G-Rodeja, o presidente da Confraría, Pedro Pérez, o rexedor, Walter Pardo e os concelleiros Alfredo Cañizo e Leticia Varela.
As 21.30 horas terá lugar a inauguración da praca na honra destes tres veciños na fachada lateral da Casa do Pescador. Participará o alcalde, a representante da ARMH e os familiares dos deportados.
A historia de tres mariñeiros
A Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica leva anos traballando na investigación e dignificación dos galegos e galegas deportados en campos de exterminio.
A historia destes tres mariñeiros de Malpica foi, por desgraza, a de moitos outros: sufriron as penalidades do exilio nos campos de Francia. Alí, loitaron xunto aos aliados na Segunda Guerra Mundial, pero foron detidos e levados a Mauthausen, onde sufriron os horrores do campo de exterminio.
Antonio Suárez Blanco, “Coruña”: naceu en Malpica de Bergantiños o día 6 de maio do 1907.Era mariñeiro e pertencía á CNT. Despois do golpe de estado de 1936, el e outros veciños tiveron que fuxir para evitar a represión. Marcharon a Francia, onde foron recluídos nun campo de refuxiados. Posteriormente, coa ocupación nazi de Francia, Antonio Suárez Blanco foi capturado e enviado ao campo de exterminio de Mathausen e trasladado ao campo de Gusen. Conseguiu sobrevivir e foi liberado o 5 de maio do 1945.
Luís Rodríguez Villar, “Luís de Rogita”: era membro do sindicato de obreiros de Malpica da CNT. Tivo que fuxir e conseguiu cruzar a fronteira francesa na procura de asilo o 7 de febreiro do 1939 xunto con miles de refuxiados. Luís Rodríguez Villar estivo nos campos de Argelès, San Ciprián e Barcarés. Tomou parte na Segunda Guerra Mundial e, despois de pasar por un stalag en Silesia, foi deportado a Mathausen o 24 de xaneiro de 1941. Foi liberado o 5 de maio do 1945 e permaneceu en Francia. Regresou a Malpica en agosto de 1978.
Antonio Fariña Chouciño, “Antonio da Rosa”: irmán de Francisco da Rosa, co que fuxe na embarcación “San Adrián”. En agosto do 1939 está no campo de Argelès en Francia. Máis tarde, en Angouleme. Foi deportado a Mauthausen en agosto do 1940, e morreu en Gusen o 6 de maio do 1941.