O programa cultural Á xunta da noite está levando polas parroquias espectáculos de pequeno formato e aforo limitado nos que, dependendo de cada sitio, se combinan a música, actuacións das escolas municipais, o humor, o circo ou a maxia. Os encontros celébranse ao aire libre durante os venres deste verán ás 20.00h. e con eles tamén se pretende contribuír á recuperación económica do sector cultural e da nosa hostalaría e pequeno comercio, xa que ao final de cada noite sempre se sortean vales para gastar nos negocios locais. Desde o mes de xullo en que botou a andar o programa xa van aló catro xuntanzas nocturnas e aínda quedan outras seis. A seguinte é este venres na área recreativa de Lamas, para a que xa se contabilizaron 76 reservas -quedarían 24 localidades por asignar- e para a cita de Santa Mariña da semana que vén xa van cubertas cerca de 90.
O programa das actuacións previstas Á xunta da noite de aquí a setembro é o seguinte:
14 de agosto, área recreativa de Lamas (localización en Google Maps) : actuarán Circus Magníficus, o grupo tradicional Os Argalleiros de Oroso e Lenda Ártabra.
21 de agosto, adro da igrexa de Santa Mariña do Monte: Escola municipal de gaitas, Mago Dani García e Escola municipal de cantos de taberna.
28 de agosto, no campo da Bóla, Naraío: Non me toques o mandil, Mago Teto, Escola municipal de gaita e Escola municipal de pandeireta. Inicialmente estaba previsto desenvolver o evento ao pé do castelo, pero hai uns días decidiuse trasladalo -por razóns loxísticas e de espazo- ao campo da Bóla, onde se celebra habitualmente o Festival do Río Castro.
4 de setembro, capela de Santiago de Silvalonga: AFC Berros do Castro, Isabel Risco e Escola municipal de cantos de taberna
11 de setembro, palco da música de San Paio (Ferreira): Asociación Brío, Circus Magníficus, Mago Dani Martín e Escola municipal de pandeireta
18 de setembro, área recreativa dos Currás (San Sadurniño): Escola municipal de pandeireta, Home Cè Orquestra Pantasma e Xoán Padín & Cabe García
En cada un destes eventos haberá servizo de cantina e racións de liscos (5€ incluída a bebida). Para sumarse á festa fai falla reserva previa a través do 616 332 919 ou do correo agustin.perez@sansadurnino.gal.
Hai un máximo de 100 localidades dispoñibles que se cubrirán por orde de petición e dándolle prioridade ás persoas empadroadas no concello. Quen faga reserva e despois non poida asistir por calquera motivo deberá comunicalo -se é posible- para que o Concello poida cederlle o seu sitio a outra persoa.
Importante: Desde a área de Cultura recórdase a obriga de usar máscara en todo momento, trátese ou non de persoas convivintes. Esta obrigatoriedade tamén é de aplicación para as nenas e nenos a partir dos 6 anos, que deberán permanecer sentados canda os seus pais durante o espectáculo e, insistimos, sempre coa máscara posta. As cadeiras estarán dispostas cunha separación mínima de 1,5 metros e en ningún caso se poderán mover para xuntalas máis, a menos que se trate de persoas que convivan no mesmo domicilio, algo que deberán ter en conta quen chamen con idea de reservar para un grupo de non convivintes.
Por último tamén hai que ter asumido que o desenvolvemento de toda a programación de Á xunta da noite dependerá das circunstancias sanitarias que se dean en cada momento e tamén das medidas que poidan marcar a Xunta ou o Estado para previr contaxios.