Saturday 16 de November de 2024

O Concello e Viaqua lanzan unha campaña para recordar a importancia de facer un uso responsable da auga para evitar situacións de seca


O Concello de Santiago e Viaqua, como xestora dos servizos municipais de abastecemento de auga potable e rede de sumidoiros de augas residuais, fan un chamamento aos veciños e veciñas, así como a turistas e habitantes non empadroados/as que veñen gozar das súas vivendas neste período estival, para que tomen conciencia da necesidade de facer un consumo racional, axustado e solidario da auga.

A concelleira de Medio Ambiente, Mila Castro, e a xerente en Santiago de Viaqua, Ana Tejeiro, presentaron esta nova campaña, a través da cal se lembra que a situación climatolóxica dos últimos anos tivo un impacto nos caudais ecolóxicos dos ríos, especialmente no verán. Para tratar de anticiparnos e manter as reservas durante o período vacacional, especialmente nun ano onde a auga é crítica tamén dende un punto de vista sanitario, resulta imprescindible reducir o consumo.

En calquera caso, Mila Castro, lanzou unha mensaxe de “tranquilidade”, xa que “neste intre, non hai problemas de abastecemento no noso concello”. Isto non é óbice, dixo, para que “nos concienciemos de que a auga é un recurso natural escaso, que debemos utilizar, non só nestes momentos nos que non chove, senón ao longo de todo o ano, dun xeito racional e responsable”.

Nesa mensaxe de tranquilidade incidiu tamén Ana Tejeiro, quen insistiu en que a capacidade de subministración en Compostela está garantida, pero tamén en que é necesario actuar de xeito preventivo para “manter a sustentabilidade dos recursos”.

Accións sinxelas, pero moi útiles
Por isto, Viaqua solicita a colaboración cidadá para que, entre todos, contribuír á redución do consumo de auga. Neste sentido, é imprescindible asegurar un uso racional, evitando malgastes, lembrando a necesidade de seguir normas como:

– Uso preferente de ducha fronte ao baño.
– Utilización da lavadora e o lavalouzas a plena carga e en programa económico.
– Evitar o lavado de coches ou patios con auga potable.
– Manter as billas abertas o tempo imprescindible de uso.
– Pechar levemente a chave de paso da vivenda se se vai a estar varios días fóra.
– Evitar regar o xardín e as plantas con auga potable e nas horas de maior calor.
– Manter a auga na piscina para garantir a propia estrutura do vaso, ademais de non desperdiciar o volume.

Ademais, Viaqua solicita informar ás autoridades sobre calquera incidente de perda ou malgasto do que se teña coñecemento.

Estas mensaxes de sensibilización difundiranse a través de carteis informativos que se colocarán en centros e dependencias municipais, entre as asociacións veciñais e tamén entre os centros educativos unha vez se abran os mesmos. Ademais, aparecerán a través das diferentes redes sociais.

O ciclo da auga en Compostela
Ana Tejeiro aproveitou a rolda de prensa para lembrar que a Estación de Tratamento de Auga Potable de Santiago de Compostela conta cunha capacidade nominal de tratamento de 900 l/s, superior ao caudal punta en días de máximo consumo. Nesta instalación traballa persoal mediante quendas as 24 horas dos 365 días ao ano.

A auga tratada almacénase no depósito da ETAP e distribúese aos depósitos mediante a estación de bombeo aos catro depósitos de cabeceira – Polígono do Tambre, Sionlla, Vilares e A Almáciga- e aos dous depósitos de distribución, en Salgueiriños e no Monte do Gozo. En total, estes seis depósitos teñen unha capacidade de case 70.000 metros cúbicos.

A rede de abastecemento de Santiago presenta unha estrutura ramificada, aínda que non núcleo urbano a rede atópase mallada case na súa totalidade. En total, son 584,69 quilómetros dunha rede moi heteroxénea en canto a material e diámetro.

A auga é analizada diariamente en diferentes puntos da cidade, cuns 15.000 parámetros inspeccionados anualmente.

Todo este percorrido é o que fai a auga potable, uns 10.500.000 metros cúbicos ao ano, polas diferentes infraestruturas dende a captación no río Tambre ata que chega aos case 60.000 puntos de subministro do municipio