Difundirán a nova imaxe de marca “Padrón, camiño e destino”
O Concello de Padrón vén de poñer en marcha unha campaña de apoio ao comercio local que inclúe o reparto de 3.000 bolsas de tela reutilizables entre os/as comerciantes que desexen sumarse á iniciativa. Unha iniciativa incluída no Plan de Reactivación do Turismo e do Comercio elaborado pola Concellería de Turismo de Padrón para os anos 2020 e 2021, tendo en conta o Plan de Acción Padrón 2017-2022.
A concelleira de Turismo, Lorena Couso, explica que “estas bolsas de tela reutilizables levarán o logotipo da nosa nova marca turística, ‘Padrón, camiño e destino’, e seranlle agasalladas aos clientes que fagan unha compara mínima nos distintos locais que se adhiran á campaña”. Con este reparto, o Concello de Padrón busca facer máis visible esta campaña, que busca promover o turismo de proximidade e reforzar a confianza do público nun destino seguro, atractivo e libre de coronavirus.
Para conseguilo, reforzarase o reparto cunha serie de vídeos de apoio ao comercio local que serán difundidos a través das redes sociais. Uns vídeos nos que os propios comerciantes de Padrón poñen en valor os seus produtos e animan a facer a compra no propio municipio.
“Unha promoción que acompañaremos cunha actuación de embelecemento do casco histórico, cuns pasos de peóns nos que se promovan produtos tan nosos como o pemento. Pequenas iniciativas coas que buscamos reactivar un pouco todos os sectores”, apunta Lorena Couso.