As tarefas de roza levaranse a cabo nos oito dolmens do itinerario, así como no conxunto de petroglifos de Boallo e Pedrouzo e na mámoa de Freáns.
O Concello de Vimianzo está a realizar tarefas de limpeza e mantemento nas mámoas da Ruta dos Dolmens e nos seus accesos. A iniciativa inclúe a roza e mantemento dos oito dolmens do itinerario.
O Concello segue co acondicionamento e mellora dos seus camiños e patrimonio. Dentro das accións inclúense desta vez o conxunto de petroglifos de Boallo e do Pedrouzo. Á súa vez, desenvolveranse actuacións de acondicionamento na mámoa de Freáns, un túmulo próximo á anta da Casota de Berdoias. Estes novos puntos de limpeza conforman da ruta de sendeirismo o Vieiro Fidalgo, que agora mesmo se está a sinalizar entre os núcleos de Berdoias e Boallo.
Con estas tarefas de roza e mantemento “seguimos acondicionando e conservando o patrimonio do noso municipio, un dos máis ricos en megalitismo en toda Galicia”, destaca a alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez. A Ruta dos Dolmens conecta nove das antas máis destacadas do país que están espalladas por diferentes parroquias vimiancesas. O Concello pon a disposición audioguías na páxina vimianzo.mobi para que aquelas persoas que estean interesadas en realizar o percorrido poidan coñecer tamén a súa historia.
Co obxectivo de impulsar o patrimonio e a historia municipal, o Concello está a desenvolver actividades culturais entre as que se atopan diversas visitas guiadas por estas zonas de interese. Dentro dos eventos inclúense as rutas guiadas diarias de martes a venres ás 16:00 horas na Pedra Cuberta. Esta é a primeira vez que se realiza este tipo de actividade de forma diaria na Pedra Cuberta.
Ruta guiada pola paisaxe dos muíños e rego de Cambeda
O vindeiro sábado, 15 de agosto, inaugurarase, despois da súa limpeza, a ruta da paisaxe dos muíños e rego de Cambeda cunha visita guiada. Este camiño iníciase na igrexa de Cambeda e percorre o leito do río durante case tres quilómetros. No camiño as persoas participantes poderán atopar ruínas de oito antigas edificacións que correspondían aos muíños.
Toda a información e inscricións na actividade nas redes sociais de Turismo do concello e no teléfono 604 03 66 17.