A concelleira de Xuventude, Laura Salgado, e o concelleiro de Medio Ambiente, Martín Fernández, participaron onte nunha especial actividade coa que se deu comezo á última quenda dos campamentos urbanos do Concello de Noia. O parque canino Agility acolleu un completo obradoiro sobre adopción de animais de compañía impartido pola protectora Arca de Noia.
Preto de trinta nenos e nenas asistiron, xunto cos seus monitores e monitoras, a esta sesión.
Nela, a protectora Arca explicou ás crianzas asistentes como se desenvolve o seu labor no día a día. Entre as súas tarefas atópase, precisamente, rescatar cans e gatos que son abandonados. Tras levalos ás súas instalacións comeza a busca de novos fogares para estes animais de compañía.
Dende a protectora Arca de Noia insistiron moito na responsabilidade que as persoas deben ter á hora de adoptar unha mascota. Neste senso, lembraron que, en ningún caso, se deben deixar abandonadas, ao tempo que animaron ás nenas e nenos a coñecer a algúns dos cans que teñen en proceso de adopción.
Esta última quenda dos campamentos urbanos do Concello de Noia estenderase ata o vindeiro 21 de agosto. Conta coa participación de preto dunha trintena de crianzas en idade escolar, de entre 4 e 12 anos. As actividades desenvólvense de luns a venres no polideportivo Agustín Mourís, en horario de 9:00 a 14:00 horas.