Friday 22 de November de 2024

A Xunta dotará as Agrupacións de Protección Civil de todoterreos, furgóns, remolques e embarcacións de salvamento


O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda mantivo hoxe unha reunión cos representantes das Asociacións de Voluntarios de Protección Civil, na sede da Agasp

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe unha nova liña de axudas para as Asociacións de Voluntarios de Protección Civil, cun importe de máis de 4,5 millóns de euros, que permitirá dotar ás Agrupacións dos medios materiais necesarios para ofrecer un mellor servizo.

Alfonso Rueda mantivo hoxe unha reunión cos responsables provinciais das Agrupacións de Protección Civil, onde lles deu a coñecer a orde de axudas que a Xunta convoca este ano e á que xa poden presentarse os concellos galegos, e que beneficiará aos máis de 10.000 voluntarios e aos cidadáns dos seus concellos.

O goberno galego mantivo reunións e contactos previos cos representantes das Agrupación para poder coñecer o que precisaban e así saber onde era máis necesario investir este importante orzamento, que supera os 4,5 millóns de euros, e que comprende 40 pick ups, 40 furgóns, 40 remolques de emerxencias, 16 embarcacións de salvamento, 30 esparexedores de sal e 20 remolques con carpas presurizadas para Postos de Mando Avanzados.

Grazas a esta convocatoria de axudas, os concellos de menos de 50.000 habitantes estarán mellor dotalos de medios para cubrir as súas necesidades, e terán o mellor equipamento para emerxencias.

Os membros de Protección Civil complementan e reforzan a rede profesional de xestión e atención ás emerxencias e contribúen co seu esforzo desinteresado a ofrecer o mellor servizo aos cidadáns, no chanzo máis próximo a eles, dende os concellos. Así, grazas aos bombeiros municipais, comarcais, GES, centro de atención ás Emerxencias 112, corpos e forzas de seguridade, e 061, entre outros, a comunidade galega ten unha unha auténtica malla de resposta profesional ante as posibles emerxencias que cubre o territorio galego buscando a maior eficacia e eficiencia.