Friday 22 de November de 2024

O Concello de Moeche limpa o río e maila ribeira ao seu paso pola área recreativa de Soutogrande


Persoal municipal e de Forestal Couce S.L. -radicada en Santa Cruz- empregáronse a fondo hai uns días para retirar as árbores tronzadas e a ramallada mesturada con lama que se foron acumulando durante os últimos anos na presa de Soutogrande, xusto ao pé da área recreativa. En 2016 Augas de Galicia repasou a zona e desde aquela a auga e os temporais traballaron de forma lenta pero constante ata tupir o aliviadoiro e deixar a presa case impracticable para o baño. Agora o Concello acometeu labores de limpeza e mantemento que permiten volver utilizar o espazo para refrescarse ou simplemente para sentar ao carón do río. O custe dos traballos aproximouse aos 2.000 euros.

A intervención desenvolveuse despois de remitirlle a Augas de Galicia a correspondente declaración responsable. De feito, durante o confinamento mudou a normativa sobre intervencións nas áreas de dominio público hidráulico e tanto os concellos como as persoas particulares xa non teñen que agardar autorización para facer certos labores que afecten a cursos fluviais e á súa área de policía, senón que chega cun documento simplificado informando dos traballos que se van levar a cabo.

Iso si, a declaración responsable só serve para “actuacións menores de mantemento e conservación”, como son a retirada de árbores mortas e as podas que impidan o acceso ou a capacidade do leito “sempre que non impliquen perda do substrato arbóreo da ribeira”. Dentro deses supostos tamén entraría a retirada de elementos arrastrados pola corrente que obstrúan o cauce ou que constitúan un elemento de degradación do río.

Todas estas circunstancias dábanse ao mesmo tempo en Soutogrande e por iso o Concello decidiu actuar retirando varias árbores que caeran na auga e extraendo do fondo unha amasada de ramalla, follas e lama xuntadas pola corrente no remanso da presa. Tamén foi necesario limpar a comporta da volta do río e abrir a canle do muíño da Ponte Norte para que a auga encanada axudase a purgar os sedimentos acumulados.

Do choio encargáronse operarios municipais e traballadores da empresa local Forestal Couce. O importe total do operativo achegouse aos 2.000 euros, parte deles investidos no alugueiro dunha pequena retroescavadora dotada dunha eiruga de goma que non danase a plataforma de cemento desde onde se fixo boa parte do labor.

O río ao seu paso por Soutogrande ofrece outro aspecto trala intervención, algo que xa se deixou notar na afluencia de visitantes propios e alleos á procura da sombra dos castiñeiros e dun baño refrescante. Desde o Concello recórdase que, a diferenza da piscina -pechada por causa da crise sanitaria-, a área fluvial non conta con servizo de socorrismo e que, ademais, deben respectarse as medidas de distanciamento social e usar a máscara a partir dos 6 anos, agás no momento do baño ou cando se estea tomando o sol (sempre que se garanta un espazo mínimo de 3 m2).